parlamento galego

BNG denuncia as demoras na tramitación da dependencia e esperas de máis de dous anos para acceder a unha residencia

Olalla Rodil

Olalla Rodil defendeu no Pleno a proposta do Bloque para duplicar o persoal dos  equipos de valoración da dependencia elaborar un plan de ampliación do SAAD 

“Non se pode converter o dereito a envellecer nun nicho de negocio para un puñado de empresas e é evidente que o está sendo grazas ao PP”, denuncia

A portavoz de Política Social do BNG Olalla Rodil defendeu no Pleno do Parlamento a proposta do BNG para rematar coas listaxes de agarda na atención á dependencia e evitar, denunciou, casos de persoas dependentes que teñen que agardar máis de dous anos por unha praza de residencia ou que falecen antes de recibir resposta da Administración.

“Detrás dos números o que hai son nomes e apelidos, persoas de carne e óso que sofren as consecuencias de agardar máis dun ano para ser valoradas ou máis de dous en acceder ao servizo ao que teñen dereito, como ocorre en Lugo para unha praza de residencia”, denunciou Rodil no Pleno do Parlamento, onde reclamou ao Goberno do PP que duplique o persoal dos Equipos de Valoración e Orientación co obxectivo de por fin as listas de agarda das solicitudes de dependencia tanto no que se refire á resolución de grao como de PIA (programa individual de atención).

Aínda que as listaxes de agarda para o recoñecemento e valoración da dependencia se reduciron nos últimos anos, máis de 2.000 persoas esperan desde hai máis de seis meses pola súa valoración ou polo acceso da prestación en Galiza.  Ademais, segundo subliñou a deputada nacionalista, o tempo medio de agarda no País desde que se solicita a dependencia por primeira vez até que se ten acceso ao servizo é de 373 días, o duplo do que establece a lei e máis do que se agarda na media do Estado. En toda España, precisou, só tres comunidades autónomas -Canarias, Andalucía e Murcia- teñen un tempo medio superior ao galego na tramitación da dependencia.

Malia o incremento dos últimos anos, con 16 novos postos de traballo, resulta evidente a necesidade de reforzar os equipos de valoración e orientación (EVO), e en xeral o persoal dos servizos socio comunitarios, pois Galiza é a comunidade autónoma na que máis medrou o tempo de agarda para a atención á dependencia desde 2020 e só o pasado ano,  346 persoas faleceron no País esperando a ser atendida, argumentou Olalla Rodil.

A portavoz de Política Social acusou ao PP de ir “parcheando” no que ten que ver co persoal dos EVO e criticou a situación de “desprotección” das persoas dependentes, que están a ver vulnerados os seus dereitos sociais. Isto é así tamén porque faltan servizos públicos no SAAD  (sistema para a autonomía e a dependencia) “que garantan o acceso ás prestacións ás que se ten dereito e, sobre todo, o benestar das persoas dependentes e as súas familias”, agregou.

“En Galiza hai 1.500 persoas con valoración e PIA pero sen acceso a ningunha prestación”, subliñou Olalla Rodil, denunciando a continuación que na actualidade a Administración lle está pagando a cerca de 15.500 persoas Prestacións Económicas Vinculadas á adquisición de Servizo, “un termo moi rimbombante para dicir que ‘che están pagando na privada o que non che dan na pública’”, asegurou.

 

“O Goberno de Rueda non move un dedo para ampliar a rede pública”

“O segundo maior investimento en dependencia que fai Galiza é pagarlle á privada: primeiro o SAF e segundo as prestacións por servizo”, con 6.407 prazas en residencias e 3.636 en centros de día/noite, reprobou a viceportavoz do BNG no Parlamento, para quen “o dereito a envellecer non se pode converter nun nicho de negocio para un puñado de empresas”,  como está a facer o PP.

“O Goberno de Rueda -apuntou- non move un dedo para ampliar a rede pública e cando llo dan feito, como é o caso das residencias de maiores da Fundación Amancio Ortega, privatízao. E privatizar sae máis caro”.

É o por iso que demandou, tal e como se recollía na iniciativa do BNG,  ampliar a rede do SAAD a través un plan que incremente as prazas e servizos de atención á dependencia para evitar, concluíu, que se vulneren os dereitos fundamentais nun País  onde o 26 % da poboación ten máis de 65 anos e coa maior taxa de discapacidade do Estado (11,2 %).

“Unha mentira tan grande como a Muralla de Lugo”

No transcurso de debate, Rodil ironizou ao amosar a súa satisfacción polo feito de que o PP recoñeza agora a “morosidade” do Goberno do Estado no que ten que ver coa dependencia. “Vostedes aínda pagaban menos cando gobernaban en Madrid. Ademais de non pagar, con Rajoy recortaban servizos, prestacións e cotizacións á Seguridade Social ás persoas, mulleres, que coidaban a familiares na súa casa”.

A deputada nacionalista cualificou ademais de “bono mentira” o chamado “bono coidado no fogar” pois “nin son 5.000 euros nin é universal; son 416 euros ao mes para complementar ata ese tope”, aclarou. “Deixen de contar mentiras, de enganar á xente e de sobrecargar aos traballadores e traballadoras sociais con esa mentira tan grande como a Muralla de Lugo”, asegurou.