O BNG denuncia as deficiencias na asistencia sanitaria do Sur da provincia de Lugo e pide á Xunta o mesmo trato que no resto das áreas galegas
Na comisión de sanidade celebrada no Parlamento galego, a deputada nacionalista, Carme Aira defendeu dotar o hospital Comarcal de Monforte das especialidades e persoal necesario así como a elaboración dun plan para reducir os tempos de garda nas consultas e atención hospitalaria, axilizar as probas diagnósticas, intervencións cirúrxicas e procedementos terapéuticos. Aira pediu “o mesmo trato” que no resto das áreas sanitarias galegas porque “en Monforte tamén pagamos impostos e non queremos ser tratados como cidadáns de segunda”.
Por outra parte, a deputada do BNG sumou ás reivindicacións sanitarias, un incremento de medios humanos e materiais nos centros de saúde, corrixir as deficiencias do PAC de Monforte pola súa grande repercusión e “dotar de persoal e medios unha UCI”, programada dende o ano 2006 e que só conta co habitáculo.
Na súa intervención, a nacionalista lamentou que a portavoz popular, Encarna Amigo negara as deficiencias referenciadas polo BNG e acusou ao PP de continuar co seu “slogan”. Sen embargo, dixo, a realidade é que tanto traballadores e traballadoras como persoas usuarias non perciben “esa panacea” máis ben todo o contrario. O hospital comarcal de Monforte, tras a súa ampliación non conta cun PAC adecuado nin está imbricado no hospital de urxencias. O PAC é “un servizo de urxencias extrahospitalarias” e non un centro de alta resolución, asegurou.
O BNG pide poñer en marcha a UCI de Monforte, programada dende 2006
Entre as eivas do hospital a deputada destacou os problemas derivados das prazas sen cubrir, entre elas, a xubilación dun dixestólogo e unha neuróloga que deben ser suplidas por persoal facultativo procedentes de Lugo para pasar consulta e realizar probas. Estamos, aseverou, ante un verdadeiro “paseillo” de médicos e médicas e incluso a ausencia do director de distrito obrigou a que sexa un enfermeiro o encargado de organizar o hospital. Pola súa parte, a xerencia da EOXI “aínda non se pronuncio” ao respecto. Aira recalcou que o hospital debe ”recuperar a súa capacidade de xestión e ser dirixido dende Monforte”.
Na súa intervención, Carme Aira cargou as tintas sobre a falta do servizo UCI. “A UCI leva programada dende o ano 2006 pero só no habitáculo por que do resto, carece de dotación de medios humanos e materiais.” Si non temos UCI en Monforte os pacientes non poden ser atendidos e deben desprazarse a Lugo, circunstancia que cualificou de “inconcibible” en pleno século XIX.
Finalmente, Aira rexeitou o argumento do Partido popular sobre a falta de médicos para nutrir á sanidade pública e afirmou que “temos facultativos pero o PP non ten vontade de fixalos nin darlles estabilidade”.
A proposición non de lei defendida pola deputada do BNG, Carme Aira foi rexeitada polo grupo maioritario do Partido popular.