BNG denuncia a contaminación por cianobacterias nas augas do encoro das Conchas
O deputado do Bloque Nacionalista Galego, Iago Tabarés, exixiu á Xunta de Galiza adoptar as medidas necesarias para eliminar a contaminación por cianobacterias das augas do encoro das Conchas e garantir a salubridade das mesmas e a súa aptitude para o baño e lecer das persoas, así como para o desenvolvemento natural da flora e fauna. “A realidade é que un ano máis as augas de zonas de baño do encoro das Conchas vense afectadas pola contaminación por cianobacterias, provocando graves prexuízos para o medio ambiente e con potencial afectación para a saúde humana” salientou Tabarés.
Nas análises realizadas a primeiros do pasado mes de xuño sobre presenza de cianobacterias nos distintos encoros deste país resultaba que, en todos os casos, o nivel de risco era de nivel 1. Iago Tabarés sinalou que “o volume de cianobacterias non superaría os 4 mm3/l e non se cuantifican toxinas, polo que a probabilidade de efectos sobre a saúde derivados destas algas era baixa”. Idéntico resultado reflectiron as análises realizadas nas zona do Corgo-A Rola, no concello de Muíños, que a igual que a zona de Portoquintela esta bañada polas augas do encoro das Conchas.
Porén os resultados das analíticas practicadas a mediados de xuño, provocaron que a Xunta cualificase o nivel de risco das augas da zona de Portoquintela como de nivel 3, con alta probabilidade de efectos adversos para a saúde, “o que exixe que os concellos afectados, neste caso o concello de Bande, deberan sinalizar o espazo como zona con prohibición de baño”.
“Un nivel de risco provocado ou ben pola elevada concentración de cianobacterias ou ben pola ben pola alta presenza de toxinas e escumas e natas de cianobacterias” apuntou Tabarés. As augas de baño da zona do Corgo-A Rola, no concello de Muíños, que a igual que Portoquintela pertencen ao encoro das Conchas, foron cualificadas como de nivel 1, totalmente aptas para o baño. As analíticas realizadas a finais de xuño en ambas zonas dos concellos de Bande e Muíños, Portoquintela e O Corgo-A Rola respectivamente, ofreceron os mesmos resultados que as da semana anterior, nivel 3 de contaminación no primeiro caso e nivel 1 no segundo. En Portoquintela seguía detectándose nas augas contaminación por cianobacterias coa conseguinte prohibición do baño. Na zona de baño do Corgo-A Rola a Xunta de Galiza non detectou risco para a saúde polo que as augas foron cualificadas como de nivel 1.
O deputado nacionalista preguntou sobre a posibilidade de que existise un erro nas analíticas realizadas nas augas da zona de baño de Portoquintela os días 21 e 28 de xuño cando se detectaba un nivel 3 de contaminación por cianobacterias e simultaneamente as da zona de baño do Corgo-A Rola presentaba niveis normais, compatíbeis co baño.