BNG denuncia no Congreso a non derrogación da reforma laboral
Rego reclama ao Goberno que rectifique e elimine os elementos profundamente lesivos da reforma do PP que o acordo mantén
O deputado nacionalista alerta que, se non houber posición crítica desde o soberanismo e a esquerda, a decepción e o descontento social polos incumprimentos dos partidos Goberno pode ser capitalizado pola ultradereita
O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, interviu durante o debate da emenda so Senado para a aprobación definitiva dos Orzamentos do Estado para 2022 denunciando o incumprimento dos acordos e compromisos dos partidos do Goberno: Lei Mordaza, Reforma das Pensións e mesmo a non derrogación da Reforma Laboral. Aliás, reivindica o papel do BNG no Congreso na crítica ás renuncias do Goberno desde unha posición soberanista e de esquerdas sen a cal “a decepción e o descontento provocado polos incumprimentos do Goberno pode ser capitalizada pola ultradereita”.
Rego adiantou o voto afirmativo da formación nacionalista ante a emenda aprobada no Senado que destina 1,6M€ para apoiar as diferentes linguas oficiais do Estado. “O que nos parece triste é que esta partida entre a través dunha emenda contra a vontade do PSOE e que sexa a única destas características, xunto coa de 10,5 millóns de euros para o apoio ao audiovisual en linguas oficiais que foi introducida como transaccional no Congreso após BNG, ERC e Bildu presentaren unha emenda conxunta nese sentido” sinala o deputado do BNG.
“Isto é a constatación de que os partidos do Goberno están a incumprir o seu compromiso de recoñecer na práctica o carácter plurinacional, pluricultural e plurilingüe do Estado” recrimina o deputado do BNG. Para a organización frentista, lamentabelmente, non é o único compromiso que incumpren: “Continúa vixente e aplicándose a Lei Mordaza; unha modificación das pensións que consolida os elementos máis negativos das reformas de 2010 e 2012 ou unha reforma laboral que se comprometeron a derrogar “si ou si” e que finalmente non derrogan”.
Rego avanza que, ou o Goberno rectifica, ou non apoiará unha reforma que mantén os elementos máis lesivos introducidos polas reformas laborais de 2010 e 2012, especialmente pola do Partido Popular, “como a facilidade para despedir, o abaratamento dos despedimentos ou a prevalencia dos convenios estatais”.
Néstor Rego subliña que cando os partidos do Goberno español renuncian ou non cumpren os acordos e compromisos estabelecidos “hai que sinalalo claramente, como fai o BNG desde posicións soberanistas e de esquerdas” e alerta que, no caso contrario, “a decepción e o descontento provocado polas renuncias e os incumprimentos dos partidos do Goberno, pode ser capitalizado pola ultradereita, moi hábil coa súa demagoxia e populismo”.
Rego conclúe a súa intervención reivindicando o papel do nacionalismo galego. “Por fortuna, na Galiza está o BNG, sempre coherente na defensa do noso pobo e das maiorías sociais do noso País, das clases populares galegas”.