BNG denuncia a concesión dunha axuda do GDR Ulla-Tambre-Mandeo á voceira do PP en Melide

Mini Rivas
Mini Rivas
Mini Rivas: “pódese disfrazar de legalidade, pero a realidade é que estamos ante sospeitas de prácticas corruptas por un partido de probada corrupción”
BNG denunciou no Parlamento galego a concesión dunha axuda de máis de 177.000 euros por parte do Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) Ulla-Tambre-Mandeo ao proxecto de rehabilitación da antiga Casa Reitoral de Santo Estevo de Vilamor (en Toques) para a creación dunha pensión de tres habitacións no Camiño Primitivo, un proxecto do que é titular e beneficiaria a secretaria do propio GDR, ex alcaldesa de Melide e actual portavoz do PP nesta localidade.

“É máis que posible que a tramitación e a concesión desta axuda en cuestión estea dentro da legalidade, non así dentro da honestidade e da ética debida que os cargos políticos deben manter”, censurou o portavoz nacionalista de Agricultura, Mini Rivas, nunha pregunta ao Executivo galego na comisión parlamentaria de Industria, Enerxía, Comercio e Turismo.  

Logo de recalcar a “alarma e polémica” xerada na comarca pola concesión desta axuda, Rivas criticou con severidade a composición da xunta directiva deste GDR, cuxa presidencia está ostentada polo alcalde do Pino, “do PP”; as vicepresidencias polo alcalde de Touro e a alcaldesa de Boimorto, “ambos do PP”; a tesourería polo alcalde de Vilasantar, “do PP”, e a secretaría pola beneficiaria da axuda, Dalia García Couso, “alcaldesa de Melide ata xuño de 2019 e que de inmediato entra coma secretaria do GDR en representación dunha asociación veciñal á que non se lle coñece actividade algunha e coa que non garda relación”.

“É certo que a presidencia adoita ser dun alcalde ou alcaldesa, pero estamos ante un monocor absoluto”, reprobou, para a continuación recalcar que o proxecto perceptor da polémica axuda -cun orzamento global de máis de 381.000 euros e só tres habitacións con seis prazas de aloxamento- “recibe a maior puntuación, superando con crecer a outro, que parece que non tocaba, o dun centro de día para persoas maiores no Pino”.

“Pódese disfrazar da seriedade e da legalidade que se queira, pero a realidade é que estamos falando de sospeitas de prácticas corruptas por un partido de probada corrupción”, concluíu logo de denunciar que “as prácticas caciquís son moeda común nesta bisbarra da Montaña da Coruña e non nos collen por sorpresa”.  

O deputado nacionalista quixo evidenciar o uso político que o PP fai dos GDRs e do PDR (Programa de Desenvolvemento Rural) exemplificando tamén co acontecido na Pobra do Brollón que, segundo recordou, conta con “tres proxectos aprobados ao concello e non se pagaron ningún deles”. “Levan anos aí, dous deles xa están na xustiza e non se fan efectivos cando o concello está afogado porque fixo un investimento dado que un destes proxectos é para un albergue no Camiño de Santiago”, afeou para concluír a continuación: “o PDR, entón, de quen depende? De que estamos falando? Estamos falando de sospeitas fundadas de prácticas corruptas”.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG