O BNG denuncia o comportamento "antidemocrático" do alcalde de Curtis

Ana Pontón pide responsabilidades ao Presidente da Xunta e ao conselleiro de Presidencia, Alfonso Rueda, por non velar pola legalidade na administración local

A deputada do BNG, Ana Pontón compareceu hoxe, ante os medios de comunicación en sede parlamentar, acompañada do concelleiro nacionalista, Xosé Manuel Tomé, edil no Concello de Curtis ao fin de denunciar unha situación que cualificou de “acoso” ao labor do concelleiro por parte do alcalde, Javier Francisco Caínzos.

Ana Pontón xustificou a presentación dunha pregunta parlamentaria ante unha situación que tildou de “antidemocrática e acoso político e persoal” do alcalde contra o concelleiro do BNG.

Comportamento “ilegal” no concello de Curtis

Para a deputada, o alcalde de Curtis está a impedir o labor da oposición cun “regueiro de incumprimentos” xa denunciados no concello e agora trasladados ao Parlamento galego pola súa “gravidade”.

Ademais de dilatar a toma de posesión de Xosé Manuel Tomé , dixo, o alcalde dificulta a convocatoria de plenos ordinarios e nega o acceso á información sobre asuntos urbanísticos impedindo sistematicamente a función dos cargos electos.

A Xunta de Galiza e o Partido popular, dixo, non poden “mirar para outro lado” e ningún concello é “a leira particular dun alcalde”. O concello de Curtis, afirmou, é de tod@s veciñ@s e o concelleiro do BNG ten a mesma lexitimidade democrática que o alcalde para exercer a súa función, “é intolerábel” que estas situacións se produzan con “total impunidade” polo que pediu responsabilidades ao Presidente da Xunta, en calidade tamén de Presidente do Partido popular en Galiza, e ao conselleiro da Presidencia, Alfonso Rueda por “non velar polo cumprimento da lei na Adminstración local”.

 Acoso “político, profesional e persoal”

Pola súa parte, o concelleiro nacionalista, Xosé Manuel Tomé asegurou que o alcalde de Curtis non permite que “ninguén cuestione o seu labor” e para iso, manifestou, non repara en utilizar todos os medios ao seu alcance co fin de “obstaculizar o traballo da oposición”.

Neste sentido, indicou a negativa de Caínzos a convocar plenos ordinarios, demora durante meses o acceso á documentación e mesmo a utilización do pasamento dun concelleiro para obstaculizar a toma de posesión e posterior traballo do BNG.

Tomé denunciou que ademais do acoso político , o alcalde de Curtis vai máis alá chegando mesmo a interferir na súa vida persoal e profesional e referiuse ás presións do alcalde sobre Xunta de Galiza para que o concelleiro fora traslado do seu posto.

Dende o BNG dixo, consideramos que non se pode permitir que unha persoa destas características continúe ao fronte do concello, “só persegue fin políticos para o seu proveito” e a súa maneira de actuar esconde unha única razón, “non quere que saían a luz actuacións urbanísticas nas que está implicado” e por iso tenta silenciarnos.

O concelleiro do BNG tamén denunciou problemas laborais e trabas para acceder a diferentes prazas provocados polas xestións do alcalde de Curtis que incidiron moi negativamento no desenvolvemento profesional do nacionalista.