BNG denuncia cifras récord de sinistralidade laboral e reclama ao PP que axilice o traspaso de Inspección de Traballo

Ramón Fernández Alfonzo

Fernández Alfonzo acusa á Xunta do PP de autocompracencia e falta de iniciativa e esíxelle que faga cumprir as normas de prevención de riscos

 

O BNG denunciou este venres en rolda de prensa as cifras récord de sinistralidade laboral e reclamoulle á Xunta do PP a solicitude formal do traspaso da Inspección de Traballo e Seguridade Social a Galiza, tal e como se acordou no Senado o pasado mes de marzo. O deputado encargado da área de Emprego, Ramón Fernández Alfonzo, acusou o Executivo de Alfonso Rueda de “autocompracencia” e de “falta de iniciativa” e esixiulle que faga cumprir a normativa de Prevención de Riscos laborais, competencia do Goberno galego.

Os datos oficiais do Ministerio de Traballo recollidos ata o pasado mes de xuño colocan a Galiza entre as tres Comunidades Autónomas con máis mortes, con 30 falecementos por causas laborais. É por iso que o BNG vén de rexistrar unha interpelación ao Conselleiro para preguntarlle sobre a sinistralidade laboral no noso País.

A estes datos súmanse, despois do mes de xuño, outras catro persoas falecidas no afundimento do Argos Georgia nas Malvinas, e neste último mes de agosto, en tan só 15 días, faleceron outras catro persoas facendo o seu traballo.

Segundo o deputado, a Xunta do PP “presume” de reducir a mortalidade durante o ano 2023, omitindo que as cifras de 2022 son "extremadamente elevadas" por causa do naufraxio do Vila de Pitanxo, no que morreron 21 persoas.

Para Fernández Alfonzo, os últimos acontecementos, “colócannos diante dunha nova vaga de mortalidade laboral” e veñen constatar que a sinistralidade en Galiza “está instalada en cifras récord dun xeito estrutural”, advirte. Lamenta ademais que as caídas desde tellados e as que acontecen no sector forestal continúan repetíndose.

O deputado nacionalista cualifica a última resposta escrita estes pasado mes de xullo por parte do Goberno galego ás preguntas do BNG sobre sinistralidade como “unha boa mostra desa autocompracencia”, así como dunha” falta de iniciativa política absoluta”, e salientou que esta nova vaga de mortalidade laboral, por causas e en sectores recorrentes, “deixan á vista os dramáticos resultados deste comportamento da Xunta”.

Na resposta,  o Executivo de Rueda argumenta que “(...) o ISSGA está facendo campañas específicas para o risco de caída en altura, para o sector pesqueiro e para o sector forestal”. O deputado de emprego do BNG animou a consultar a páxina do ISSGA para poder comprobar como por exemplo no sector forestal a súa actividade consiste en dous cursos de formación para o manexo de motoserras, e dúas guías ou recomendacións técnicas para o sector sobre como realizar os traballos de corta e máis sobre recoñecemento de zonas perigosas.

O deputado encargado da área de Emprego asegura que esta resposta “obvia o máis importante”,  que as normas sobre Protección de Riscos Laborais “non se cumpren”, e que “limita todas as súas actuacións a que o SSGA elabore documentación técnica que poderiamos chamar de boas prácticas”, lamenta.

Fernández Alfonzo acusa a Xunta do PP de facer “oídos xordos a todas as chamadas de atención sobre o feito de que a normativa sobre PRL non se cumpre”, xa que - aclara- só existe apenas a nivel documental e aparencial, e recrimínalle que fai “como se isto non se soubese” incorrendo así nunha “gravísima irresponsabilidade”.

“Nós non dicimos que o ISSGA deixe de facilitar guías e protocolos específicos aos diferentes sectores da nosa economía pero -reclama- a Xunta, que é a autoridade laboral na Galiza, debería centrarse en garantir que a normativa que xa existe a día de hoxe se cumpre”, reitera.

Unha anomalía disfuncional

Fernández Alfonzo recoñeceu importancia do rol que a Inspección de Traballo e Seguridade Social teñen na loita contra a sinistralidade laboral  porque a ela corresponden en primeiro lugar as tarefas de control.

Porén, advertiu que a duplicidade, Inspección de traballo no ministerio e Autoridade laboral e planificación das actuacións de PRL, na Xunta, malia a os organismos e mecanismos de coordinación entre administracións que se existen, “non deixa de constituír unha anomalía disfuncional nun ámbito no que actuar coa máxima eficacia debera ser para o goberno galego unha prioridade política da máxima importancia”, recalcou.

Neste sentido o 21 de marzo deste ano 2024 o Senado aprobou por iniciativa do BNG e coa incorporación dunha emenda presentada polo Partido Popular, e polo tanto co seu acordo, unha moción que no seu punto 2 dispón “Abordar el traspaso a Galicia de la materia, funciones, servicios y gestión de la Inspección de Trabajo, con la correspondiente dotación económica, con el fin de mejorar su gestión»

É por iso que Fernández Alfonzo lle reclama ao Goberno de Rueda solicitar formalmente o traspaso da Inspección de Traballo e Seguridade Social, “tal como se acordou no Senado, do mesmo xeito que a teñen transferida en Euskadi e Catalunya”, concluíu.