O BNG denuncia a actitude “chapuceira e escurantista” do goberno galego, tras o auto do TSXG sobre o certificado COVID
Pide explicacións a Feixóo e depurar responsabilidades na consellaría de Sanidade e Vicepresidencia
Luís Bará: “O goberno de Feixóo actúa como un réxime caudillista, absolutista e autoritario, que ignora a separación de poderes e vulnera os máis elementais dereitos democráticos”
Tras a publicación do auto do TSXG, o BNG denuncia a actitude “chapuceira e escurantista” do Goberno galego sobre a exixencia do certificado COVID na hostalaría e ocio nocturno nos concellos con nivel alto e máximo.
Para o deputado do BNG, Luís Bará resulta un “fiasco” que o goberno de Feixóo non solicitara autorización xudicial para unha media restritiva de dereitos fundamentais, un proceder que foi duramente reprendido polo Tribunal Superior de Xustiza de Galiza que o considerou “anómalo”.
O BNG exixe explicacións e responsabilidades e neste sentido urxe á convocatoria da Deputación permanente para celebrar un pleno extraordinario no que Feixóo “dea a cara” porque a situación sanitaria é grave e queremos claridade e certeza, asevera o nacionalista. “O virus non colle vacacións e o Parlamento debe abrirse para que Feixóo dea explicacións”, o período estival non pode ser un escusa para actuar de “maneira escurantista e a marxe da lei”.
Ademais das explicacións do Presidente da Xunta, dende o BNG, engade Bará, exiximos “depurar responsabilidades” na consellaría de Sanidade e Vicepresidencia, como principais “executoras dun desatino” que levou a aplicar durante tres semanas unha medida “sen cobertura xudicial”.
O BNG rexeita a “actitude chantaxista da Xunta coa hostalaría ” e as ameazas de impoñer novas restricións por non contar co aval da xustiza para exixir o certificado COVID. A hostalaría precisa ter un aliado na Xunta e non ser permanentemente sinalada como a protagonista de todos os males, explica Bará.
Por outra parte, considera “moi graves” as declaracións da Xunta alegando que non era necesaria a autorización por contar Galiza en cunha lei de pandemias, extremo que nega rotundamente o deputado do BNG. “En Galiza non existe tal lei nin normativa que contemple este tipo de medidas”.
Bará considera que o proceder do goberno de Feixóo e propio dun réxime “caudillista, absolutista e autoritario” que ignora a separación de poderes e vulnera os máis elementais dereitos democráticos”.