BNG denuncia a actitude antidemocrática do Goberno do Estado tras o veto de emendas aos Orzamentos
O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, vén de denunciar publicamente o veto exercido polo Goberno do Estado a numerosas emendas rexistradas ao proxecto de Orzamentos para 2023. A frente nacionalista entende que esta actitude antidemocrática non é de recibo, máis aínda sendo estes os últimos orzamentos da lexislatura e nun momento de crise social e económica xerada pola suba incontrolada dos prezos, xa que moitas das propostas rexistradas polo BNG axudarían a paliar a situación que atravesan as clases populares.
A organización nacionalista vén de coñecer o veto de máis de cincuenta das súas emendas aos Orzamentos do Estado para 2023 nunha listaxe arredor de mil vetadas polo Goberno aos diferentes grupos parlamentares. Unha práctica, a do veto, que -por moi legal que sexa- a frente nacionalista recrimina por entender que “furta o debate das diversas propostas presentadas” e priva o posicionamento dos diferentes grupos políticos durante o proceso de tramitación das emendas, para alén de impedir que moitas poidan ser aprobadas.
“O Goberno xustifica a maior parte dos vetos baixo o argumento de que altera a previsión de ingresos ou gastos ou en aspectos técnicos, un paraugas que oculta a pretensión de impedir o debate de propostas que permitirían mellorar o proxecto presentado polo executivo” sinala o deputado nacionalista. Rego destaca que a maior parte das propostas rexistradas polo BNG vetadas polo Goberno, son medidas que permitirían paliar a situación xerada pola crise económica e social que atravesan as clases populares e os pobos que compoñen o Estado.
Entre as emendas vetadas están a suba das pensións mínimas, a suba do salario do persoal público conforme á inflación para non perder poder adquisitivo ou eliminar a taxa de reposición de efectivos na administración, chave para poder mellorar servizos esenciais como a educación ou a sanidade. Tamén as propostas sobre política tributarias: para a baixada do IVE ao tipo superreducido de 4% en bens e servizos de primeira necesidade como os produtos de pesca e carnes, os produtos de hixiene feminina, a distribución de auga, electricidade e enerxía; a baixada a 10% en servizos veterinarios ou salóns de penteados e estética, ou a suba do imposto de patrimonio en un punto en cada tramo a partir de un millón de euros.
O deputado nacionalista chama o Goberno español a reconsiderar esta posición e retirar os vetos presentados. “Non é de recibo que ningún goberno actúe desta maneira profundamente antidemocrática, impedindo o debate e a votación de propostas que non lle gustan e que ve que poden saír adiante. E, con certeza, é unha mancha máis no haber do Gobernbo de PSOE e Unidas Podemos, que se autodefine como “o máis progresista” e, no entanto, actúa deste modo tan pouco democrático”, recrimina Rego.