O BNG denuncia o abandono por parte do goberno do Estado de demandas históricas no concello de Padrón
O deputado do BNG no Congreso dos Deputados, Néstor Rego, acompañado da portavoz da organización nacionalista en Padrón, Beatriz Rei, mantiveron un encontro coa veciñanza para lles trasladar as emendas presentadas para a mellora de infraestruturas do concello. Néstor Rego lamentou que "o goberno do PSOE-Podemos continúe a dar as costas a estas demandas xa históricas da veciñanza".
Nun encontro coa veciñanza na Ponte, o deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, trasladou diversas iniciativas presentadas para a mellora de infraestruturas do concello de Padrón que, finalmente, non contaron co respaldo do goberno para seren incorporadas aos orzamentos.
"Para nós é lamentábel que o goberno do PSOE-Podemos continúe a darlle as costas a unhas demandas da veciñanza que son necesarias para a propia seguridade das persoas, nun momento en que aumentan os investimentos mais, como vemos, non para responder a urxencias como as demandadas en Padrón".
En concreto, Néstor Rego referiuse a tres emendas presentadas polo BNG que reclamaban a consignación nos orzamentos de tres obras que suporían unha mellora da seguridade das persoas que circulan polo territorio do concello. En primeiro lugar, o deputado explicou que o BNG volveu esixir, como xa fixera o seu antecesor Francisco Jorquera en 2008, o investimento de 3 millóns de euros na rehabilitación da N-550 no traxecto Padrón-A Ponte que xa foi aprobado en contas anteriores mais que nunca se fixo efectivo. "Levamos de novo esta xa vella demanda da veciñanza porque consideramos que a N-550 dista moito dos estándares para unha vía do século XXI, é preciso mellorar a seguridade neste traxecto mais, infelizmente, o goberno PSOE-Podemos non o rexistrou nas súas prioridades", dixo.
Por outra banda, o BNG contemplou no conxunto de emendas presentadas, a que reclamaba 800.000 € de orzamento para o arranxo do peirao da Ponte, un proxecto que ven xa de vello e que daría resposta a anos de abandono por parte do Estado e a Xunta. "O peirao está abandonado e as institucións non invisten nin en limpeza nin en mantemento. Estamos diante dun espazo de grande valor patrimonial e, mesmo así, completamente abandonado. O BNG, a través do seu deputado Néstor Rego, foi o único que lembrou esta necesidade e continuará insistindo nesta lexislatura até que se faga realidade", explicou pola súa banda, a voceira Beatriz Rei.
"Son, sen dúbida algunha, tres actuacións urxentes e necesarias, que terían que estar contempladas nuns orzamentos que ven como medran os investimentos mais continúan sendo discriminatorios para Galiza, como levamos denunciando desde que foron presentados", denunciou Néstor Rego que se comprometeu a seguir esixindo o cumprimento destas tres iniciativas até que o goberno PSOE-Podemos "deixe de mirar para outro lado e atenda a cuestións acuciantes e de seguridade como as que o BNG lle presenta".