O BNG demanda á Xunta un protocolo para o curso escolar que prime a seguridade e a calidade fronte aos criterios económicos
Rodil: “Hai que garantir a seguridade sanitaria nos centros e para iso é imprescindíbel reducir as ratios e contratar máis profesorado”
Censura o oportunismo político do PP neste asunto silenciando o tema durante as eleccións e retrasando a toma de decisións
O BNG denuncia a falta de diálogo da Consellaría de Educación coa comunidade educativa, tanto cos centros como coas ANPAs, que non foron tidas en conta para a elaboración do protocolo de inicio de curso nun escenario post COVID19.
“Desde o BNG vimos reclamando desde hai meses a constitución dunha mesa de diálogo entre a Xunta e a comunidade educativa para abordar o inicio do próximo curso. A Consellaría actúa tarde e de costas á comunidade educativa, reiterando na mesma actitude que no curso anterior”, salienta a portavoz parlamentaria de Educación nesta lexislatura, Olalla Rodil.
“Esixímoslle á Xunta un protocolo para o curso 2020/2021 no que primen o diálogo, a seguridade e a calidade educativa e non os criterios económicos. Non se pode racanear cando falamos do ensino”, recalcou, tras indicar que o rebrote da Mariña deixa claro que o virus non desapareceu e que é preciso extremar as precaucións e maximizar as garantías sanitarias da comunidade educativa.
Neste sentido, a formación que lidera Ana Pontón pide incrementar o persoal docente e a redución das ratios de estudantes por aula para garantir o necesario distanciamento físico e as condicións de seguridade nos centros, tanto do alumnado como do propio profesorado, “e o goberno ten que destinar os recursos económicos necesarios para garantir condicións seguridade porque falamos do dereito fundamental á educación”, alegou Rodil.
É inadmisíbel que se pretendan manter a actual relación alumnado-profesorado, xa excesiva nunha situación normal pero aínda máis nun contexto de pandemia mundial, só por non contratar máis profesorado. O BNG lembra a extemporánea petición do presidente en funcións para pode destinar a outros fins fondos estatais destinados a contratación de persoal docente.
“Tampouco é razoábel que se formulen os mesmos criterios para todos os centros sen ter en conta a diversidade que existe no noso país porque non é a mesma realidade a dun centro de ensino nunha cidade como Vigo, cun milleiro de persoas cada día, que a dunha escola rural. É necesario ter en conta as distintas tipoloxías de centro”, alegou Rodil, para quen “o borrador presentado pola Xunta na mesa sectorial evidencia que o PP prima criterios económicos fronte á seguridade e á calidade educativa”.