O BNG demanda o saneamento integral das rías galegas

Miranda: "Hai que acabar cunha situación que dana o ecosistema do noso litoral e destrúe emprego".

O goberno galego incumpre a directiva europea de augas e a propia Xunta declara que existen máis de 900 puntos de verquidos directos ás rías.

Santiago de Compostela, 11 de febreiro 2013.- A eurodeputada nacionalista Ana Miranda participa na delegación de investigación da Comisión de Peticións do Parlamento Europeo, que durante os próximos dous días (12-13 de Febreiro) inspeccionará a situación das rías de Vigo, de Ferrol e O Burgo (A Coruña), atendendo ás múltiples denuncias sobre a contaminación das augas presentadas por cidadáns e entidades ante a Comisión de Peticións da Eurocámara.

O BNG considera que esta delegación de investigación actuará como "acicate" sobre as administracións implicadas, - local, Xunta e goberno central -, para acelerar e concluír "dunha vez por todas" o saneamento integral das rías galegas, cuxa situación xa ten motivado a apertura de procedementos de infracción por parte da Comisión Europea contra o Estado español e resolucións desfavorables do Tribunal de Xustiza da UE.

"É imprescindible acabar cunha situación que dana o ecosistema dun litoral único en Europa, situación que ademais ten provocado a destrución de miles de postos de traballo e supón un grave prexuízo para as comunidades directamente afectadas por unha depuración inexistente ou deficiente que vai desde malos olores, deterioro do entorno á perda de empregos" explica a eurodeputada do BNG, Ana Miranda.

"Temos unhas rías extraordinarias pero con problemas concretos nalgúns puntos do litoral que deben ser solucionados con urxencia", subliña Miranda. O propio goberno da Xunta vén de recoñecer publicamente que existen máis de 900 puntos de verquidos directos ao litoral galego.

Neste sentido, o BNG denuncia que tanto o Goberno central como a Xunta teñan reducido nun 50% os recursos destinados a obras de depuración, co agravante de que "levan 13 anos incumprindo a normativa europea da Directiva Marco de Augas" que recolle a obrigatoriedade de que todos os núcleos de máis de 15000 habitantes conten cun sistema de tratamento e depuración de augas residuais no ano 2000. Este incumprimento ten motivado que a Comisión Europea levase ao Estado español ante o Tribunal de Xustiza da UE.

Ademais das reunións cos peticionarios denunciantes e coas autoridades, e as visitas in situ á ría de Vigo, Ferrol e O Burgo, a Eurocámara tamén manterá unha reunión en Santiago de Compostela con outros peticionarios que teñen presentado denuncias ante o Parlamento Europeo, entre eles a Asociación de pesca artesanal ASOAR-ARMEGA e as confrarías de pescadores de Barallobre e de Ferrol.

"Con esta delegación o Parlamento Europeo demostra que se toma moi en serio as peticións dos cidadáns, que quere coñecer de primeira man os feitos que denuncian e contribuír a solucionalos. O obxectivo é concluír o saneamento integral das nosas rías" sinala Miranda.