O BNG demanda á Rueda máis recursos e unha unidade específica contra a violencia machista
Presas insta a cumprir o acordo do Parlamento de 2017 e propón que haxa unha materia específica no master de docencia. Destaca que a lei galega é moito máis avanzada que o pacto de Estado
En véspera da celebración do 25N a portavoz de Igualdade, Noa Presas, aproveitou a comparecencia do vicepresidente, Alfonso Rueda, para reclamar a creación dunha unidade específica para loitar contra a violencia machista adscrita ao seu departamento, máis recursos para combater o terrorismo de xénero, o cumprimento do acordo do Parlamento de 2017 impulsado polo BNG e incluír unha materia específica de violencia de xénero no master de docencia.
En relación ao incremento de medios, o Bloque propón aportar máis recursos aos concellos, posto que os 40 M€ do Estado son insuficientes pois hai 45.000 núcleos de poboación, máis da metade en Galiza. “Hai que reclamar máis financiamento para Galiza, tendo en conta o envellecemento da poboación e os menores salarios e pensións, ademais se imos por diante do pacto de Estado en moitas cuestións necesitamos recursos para financialas”, indicou Presas.
A deputada non quixo restar importancia ao pacto estatal contra a violencia machista, pero si relativizou a súa eficacia á vista do logrado até agora. “Desde o respecto, pero a verdade é que a avaliación resulta insatisfactoria e decepciónante dun pacto que nace dun contexto dun pico de violencia machista con feminicios continuos que provocaron manifestacións masivas, pero sen dotación orzamentaria”, alegou.
“Aquí partimos dunha lei máis avanzada, máis da metade deste pacto de Estado en Galiza está en vías de desenvolvemento a través da nosa lei contra a violencia, por iso hai cuestións nese pacto estatal que para Galiza en termos reais non supoñen nada porque xa imos por diante”, explicou Presas, poñendo como exemplos os casos de Diana Quer ou da Manada, que coa lexislación galega na man son inequivocamente casos de violencia machista.
Presas demanda máis financiamento para Galiza nesta materia. “Temos que esixir máis, como país non podemos conformarnos co 4% cando somos o 6% da poboación e cando temos unha lei mais ambiciosa. Usen a súa capacidade normativa e orzamentaria para avanzar”, reclamou a Rueda.
A deputada nacionalista insistiu na importancia de impartir formación específica en violencia de xénero para combatela, citando expresamente o ámbito académico e xudicial. No primeiro caso, propuxo a materia de violencia machista no master de docencia, “porque é fundamental que as persoa que van formar aos mozos e mozas teñan os coñecementos necesarios”.
Igualmente no ámbito da Xustiza, para que a denuncia dun caso de agresión contra a muller non se converta “nunha peripecia vital para a vítima”. Ademais, reclamou o cumprimento do acordo unánime do Parlamento galego de 2017, a proposta do BNG, con medidas como garantir a separación entre vítima e agresor nos xulgados, formación especializada ou un protocolo forense específico.