BNG demanda revisar o proceso de privatización das torres dos aeroportos galegos e impedir os lucros empresariais de operadores privados
O parlamentario do BNG, Paulo Ríos, (Kai) lamentou que o Partido popular non se pronunciara a favor de “revisar” o proceso de privatización das torres de control dos aeroportos galegos, tras a publicación do proxecto ministerial para determinar os aeroportos xestionados por AENA e seleccionar os novos provedores civís nos servizos de control de tránsito aéreo de aeródromo.
O parlamentario do BNG, explicou que esta medida supón “continuar coa privatización das torres de control, iniciada no ano 21 e que se regula a prestación de servizos de tránsito aéreo, establecendo as obrigas dos provedores civís dos servizos e fixan as condicións laborais para os controladores civís de tránsito aéreo e supuxo a privatización das torres de Vigo e da Coruña.
A privatización incrementa a precariedade laboral e dos servizos
A realidade, dixo, é que, ao contrario do que se está a transmitir, “as torres privatizadas non gañaron en eficacia nin eficiencia” e incrementaron a precariedade laboral e os recortes de dereitos laborais e sindicais, con despidos de controladores por cuestionar instrucións empresariais que poden poñer en risco a seguridade.
Tampouco é certo, recalcou o deputado nacionalista, “que a privatización conleve un abaratamento dos billetes de avión”, porque se comparamos os billetes de Vigo e a Coruña cos de Santiago de Compostela constatamos que non hai “tal abaratamento”.
A reactivación da privatización prodúcese nun momento de folga dos controladores do sector privado, pola precarización e empeoramento das súas condicións laborais e isto fai que estes profesionais acaben buscando un posto de traballo no sector público ou abandonado o propio sector ante as actuais condicións de traballo na empresa privada.
A realidade, recalcou , Ríos, é que “a privatización é un grande negocio para as empresas privadas e para AENA”, empresa co 51% de participación pública a través de ENAIRE e que foi vendida a “prezo de saldo” para que agora, os seus accionistas repartan dividendos millonarios cada ano. “Beneficios que, por outra parte, ían destinados á mellora das instalacións de navegación aérea.
Lonxe do exposto polo goberno do Estado, o proceso previsto de privatización das torres de control de 7 aeroportos, entre eles a de Santiago de Compostela, non se pode homologar á política de liberalización europea, onde só se están privatizando pequenos aeroportos cunha xestión sinxela e unha baixa cantidade de viaxeiros e viaxeiras.
No caso do estado español “preténdese privatizar torres de control de aeroportos cunha xestión moito máis complexa e con millóns de viaxeiros e viaxeiras anuais”, co único fin de aumentar os beneficios empresariais das empresas provedoras, en detrimento do propio servizo, eficiencia do mesmo, dos dereitos laborais e sindicais e mesmo “en detrimento da seguridade para os usuarios e usuarias e para o conxunto das traballadoras”.
Xestión pública da torre de control do aeroporto santiagués
Dende o BNG apostamos por non abandonar o robusto sistema de xestión pública da torre de control do aeroporto de Santiago de Compostela, xa que debe ser un servizo lonxe dos criterios do lucro empresarial e que debe ser, polo tanto, “un servizo onde se primen os criterios de seguridade e condicións de traballo dignas”.
O voto en contra do Partido popular e a abstención do PSdG-PSOE impediu que a proposición non de lei, defendida polo deputado do BNG, Paulo Ríos prosperara.
O PP, reiterou o nacionalista non se pronuncia sobre si quere ou non a privatización, a pesar do que está ocorrendo nos aeroportos do resto do Estado. O PP “non quere reclamarlle a Pedro Sánchez medias positivas para Galiza e prefire apoiar as privatizacións e lucros empresariais de operadores privados”, concluíu