BNG demanda a retirada do Caderno de Explotacións para pequenas granxas
A portavoz de Desenvolvemento Rural do BNG, Carme Aira defendeu unha proposición non de lei instando á Xunta a solicitar do Ministerio de Agricultura a retirada da obrigatoriedade do Caderno de Explotacións para as pequenas granxas, tanto en papel como dixital, e a máxima demora posible para a implantación do caderno dixital nas granxas medianas e suspender os rexistros en papel para o resto de granxas, como mínimo dende o 1 de xaneiro do 2023 ata o 30 de xuño.
A nacionalista lamentou que os votos en contra do Partido popular e a abstención do PSOE impedirán que prosperara a reclamación que tamén incluía que no tempo que resta do período da PAC, “dotar dos recursos informáticos suficientes ás granxas e explotacións para facerlle fronte a esta exixencia, unha estrutura de caderno dixital XEAGA de modo que sexa unha aplicación versátil e que facilite o seu uso e que lle aporte un soporte ou un plus ás gandeiras e gandeiros para o manexo das súas granxas independentemente da súa obrigatoriedade.
A deputada do BNG, considerou que a recollida de datos nas granxas perceptoras das axudas da PAC precisa dunha base de datos técnica e unha aplicación informática que permita transferir todo ese coñecemento ás gandeiras, entidades de aconsellamento, oficinas rurais, centros de investigación e centros de formación e capacitación, tras analizar os criterios técnicos para aportar un “auténtico valor” ás granxas e explotación.
Aira lembrou que na actualidade, moitas granxas están situadas a 1 km de distancia da fibra e “nin pagando logran ter conexión”, de feito, nin tan sequera teñen unha cobertura eléctrica universal debido aos microcorteseléctricos que afectan a todo o interior rural en Lugo pero en Madrid “non saben nin o que son e o goberno da Xunta tamén o ignora”. Esta circunstancia, recalcou a nacionalista, dificulta a vida en xeral e sobre todo, a vida útil dos electrodomésticos e aparatos agrícolas eléctricos e así como a conexión a internet para temas domésticos, laborais, agrarios ou mesmo de lecer...
O Caderno de explotación dixital, dixo, debe contar con todos os medios materiais para que ese coñecemento sexa usado como instrumento e ferramenta de apoio e desa maneira pode ser “extremadamente útil para o proceso e chegada final aos resultados” dunha granxa ou explotación, podendo utilizarse como base de datos para futuros programas e poder extraer marxes de mellora que axuden a cumprir obxectivos ao efecto do cobro das axudas e produtivos.
Outra vantaxe que non imos negarlle, recoñeceu a nacionalista é que este caderno dixital sexa de factura pública, e que polo tanto, non supoña custe económico para as e os agricultores, sempre e cando o programa funcione e sen ánimo de criticar inxustamente o traballo dos profesionais, semella que moitas veces non teñen o tempo ou os medios suficientes para “facer programas funcionais dende o primeiro día de uso”
Debemos dar por bo tamén o aprazamento da súa entrada en vigor ata o 1 de xaneiro do ano 2024 e o 1 de xaneiro do ano 2025 dependendo do tipo de explotación pero hai que subliñar que o goberno de España aprazou esta entrada en vigor despois de infinitas alegacións e peticións formuladas polo sector e só cando tivo a seca como escusa se propuxo “ser o primeiro país da UE en implantalo”.
En canto aos contras, “o caderno non está deseñado para favorecer ás pequenas e medianas produtoras” máis ben favorece á administración, ao facilitarlle o control ao menor custe posible, xa que reduce as necesidades de persoal.
Por outro lado, indicou que o uso, mantemento e seguimento do caderno de explotacións dixital ou en papel pode ser soportado practicamente polas empresas, non por pequenas e medianas granxas, para as que sen dúbida vai elevar o nivel de exixencia e os custes porque o máis probable é que teñan que ser axentes externos os encargados de materializar os rexistros.
A estes contras, a deputada do BNG, sumou “as condicións do noso país” e a falta de solucións e asesoramento público suficiente, e polo tanto, sen custe para as usuarias e usuarios, sobre todo aqueles máis pequenos e con menos recursos e que son tamén as que menos fertilizantes ou fitosanitarios xestionan, polo que a exixencia de manter o caderno ao día, en papel ou dixitalmente “é gravoso”.
“Tamén sería preciso dotar dun sistema de resolución de problemas ou consulta de dúbidas durante a súa implementación, porque o panorama de coñecementos é escuro, mesmo para as entidades de asesoramento”, concluíu.