O BNG demanda restabelecer a atención presencial nas consultas sanitarias
O grupo parlamentar do BNG defendeu unha moción para realizar de inmediato as accións precisas para activar as consultas presenciais en Atención Primaria para dar resposta ás demandas derivadas da covid-19 e do resto das patoloxías e para rematar coas listas de espera neste nivel asistencial, co persoal e as medidas necesarias para a prevención de contaxios, para garantirlle unha atención sanitaria digna á poboación. “Do que temos certeza a esta altura é de que sobran militares e falta persoal sanitario”, afirmou a deputada Montse Prado. A moción contou cos votos a favor de BNG e PSOE e en contra do PP; polo que quedou rexeitada.
“No pasado Pleno tivemos que lamentar que, pese a ser o primeiro da lexislatura despois de sete meses sen actividade ordinaria no Parlamento de Galiza, o conselleiro de Sanidade non viñera a comparecer para informar das medidas da Xunta nin para dar explicacións do que acontece”, sinalou a deputada Montse Prado. “E hoxe temos que volver lamentar que no segundo Pleno tampouco lle parecera preciso, nin ao conselleiro nin ao Partido Popular , dar conta das actuacións da Xunta en materia de sanidade”, engadiu.
Na iniciativa reclamou establecer protocolos “claros e unificados” para a atención presencial de doentes para toda a Atención Primaria, ademais de garantir a atención telefónica sen demoras, co aumento e mellora da rede, dotación do número de profesionais precisos para responden ao aumento exponencial da demanda.
Ademais, demandou clarificar cal é o papel de profesionais de Atención Primaria no sistema de rastrexo, deseñando de inmediato un Plan de rastrexo e detección precoz co persoal necesario dedicado en exclusiva á detección, identificación e seguimento, con equipas formadas e dotadas de protocolos claros para desenvolver este labor. Para configurar estas equipas débese contar coas persoas das listas de contratación do Sergas que estean dispoñíbeis, recolle a proposta do BNG.
A moción inclúe tamén presentar no Parlamento galego un informe no que se recolla a situación dos centros de saúde e a realización, á máxima brevidade, dun Plan de Ordenación de Recursos Humanos, imprescindíbel para identificar as necesidades de profesionais en Atención Primaria e rematar coa precariedade laboral.
A deputada lembrou que o investimento per cápita en Galiza en Atención Primaria está por debaixo da media, é o terceiro pola cola con respecto a outras comunidades do Estado.
Falta de transparencia
Galiza lidera, con moito, o número de contaxios sen identificar a procedencia. Segundo o informe do seguimento da covid-19 do 16 de setembro realizado polo Instituto de Saúde Carlos III, xunto coa Rede de Vixilancia Epidemiolóxica, o 78.8% das persoas contaxiadas en Galiza non teñen un contacto coñecido. Esta é, con moito, a porcentaxe máis elevadas do Estado, advertiu.
“A Xunta de Galiza atópase á cabeza no Estado español en opacidade a respecto dos datos que facilita da covid-19. Nin información dispoñíbel, nen actualizada, nin accesíbel nin comprensíbel”, afirmou.
Ademais, destacou a falta de información en relación aos rastrexos, cal é o número de persoas que realizan este labor, se son profesionais da sanidade pública ou pertencen a unha empresa privada, nin a súa cualificación profesional. “Do que temos certeza a esta altura é que sobran militares e falta persoal sanitario”, sinalou a deputada.