BNG demanda unha reforma integral do Centro de saúde do concello de Vedra para resolver o grave deterioro do edificio e o PP vota en contra
A deputada e portavoz de sanidade hospitalaria do BNG, Iria Carreira lamentou que, unha vez máis, o Partido popular non atenda as demandas da cidadanía contra o deterioro na atención sanitaria por falta de medios humanos e materiais.
Nesta liña, o Partido popular rexeito a proposta da nacionalista para revolver as deficiencias do Centro de Saúde de Vedra a través dunha iniciativa na que a nacionalista, tamén reclamaba instar á Xunta a: establecer unha canle de diálogo co concello de Vedra e asumir de inmediato a titularidade do seu centro de saúde así como realizar as obras necesarias, mediante “unha reforma integral ou a construción dun novo edificio”, para solucionar as deficiencias que presenta polo do “deterioro e a falta de salas e recursos materiais.”
Na súa intervención, Carreira salientou algúns dos problemas que afectan á Atención Primaria entre os que destacou a falta de persoal por unha política sanitaria do goberno do Partido Popular, “que acumula máis dunha década de recortes orzamentarios” e a persistencia do PP para manter Atención Primaria nun segundo plano.
Nesta liña, afirmou a deputada, o Centro de Saúde de Vedra mantén un déficit de persoal, pero a maiores, graves problemas na infraestrutura que o convirte nun “edificio ruinoso”.
O concello de Vedra, explicou, conta cun único centro de saúde construído en terreos cedidos pola veciñanza para tal fin. Pero o certo é que é un centro que presenta actualmente un grave deterioro, ata o punto de que durante os últimos 4 anos foi obxecto de reclamación por parte de todos os grupos municipais, “agás do Partido Popular, que ostenta a alcaldía”.
Existe un deterioro palpábel no exterior do edificio, manifestándose fundamentalmente no beiril superior do mesmo, desprendéndose partes enteiras, e sendo un factor de risco inminente para traballadores, traballadoras e persoas usuarias. A oxidación do armado xera un aumento do volume unido á expulsión do formigón de recubrimento, así como do rasillón e do acabado de grava que provoca o desprendemento do recubrimento e a exposición do armado a un maior deterioro.
Ademais, o deterioro afecta tamén a fachada na que se aprecia un gran número de buratos, rampas mal dimensionadas e chanzos de acceso deteriorados. Este deterioro tamén afecta ao interior con humidade en todas as estancias provocadas pola condensación que facilita a proliferación de colonias de fungos poñendo en risco a seguridade e hixiene sanitaria dos e das traballadoras así como das perdoas doentes que acceden ás instalacións.
A todas estas deficiencias, a deputada sumou o mal estado da carpintería exterior , guarnición de aluminio e instalación eléctrica nun edificio antigo e cunha necesidade perentoria de rehabilitación e reforma urxente.
Iria Carreira tamén se referiu ao cumprimento da lexislación en termos de accesibilidade e eliminación de barreiras arquitectónicas e a revisión dos espazos para unha mellorar asistencia a través dunha sala para educación maternal e preparación ao parto, outra sala para atender urxencias ou persoas usuarias que teñan que estar un tempo en espera con tratamento ou vixilancia e unha sala para consulta de enfermería.
Na actualidade, firmou a deputada do BNG, “o deterioro da infraestrutura sanitaria está nun punto de non retorno”, cunhas instalacións municipais ruinosas, e un “foco insalubre” e con risco para pacientes e persoal.
Aínda que a cesión do inmóbel aprobouse en 2018, tanto o PP como o alcalde esqueceron realizar o convenio de Cesión, como mostra do desleixo e incompetencia de todos eles. O resultado hoxe é un inmóbel en terra de ninguén, abandonado intencionadamente para forzar o seu deterioro.
Tras o anuncio do Partido popular de votar en contra da iniciativa nacionalista, Iria Carreira agradeceu aos traballadores e traballadoras “o inmenso labor” realizado durante todo este período para facilitar a atención sanitaria a todos os veciños e veciñas de Vedra e volveu a lamentar que o PP non escoite as demandas dos e das traballadoras para mellorar as condicións do centro ou ben construír outro que ofreza seguridade e unhas instalacións adecuadas para unha atención sanitaria de calidade.