congreso

BNG demanda a Planas que reclame na UE a suspensión do veto ás artes de pesca de enmalle e palangre

Néstor Rego
“Os diferentes estudos realizados ultimamente corroboran o que as frotas pesqueiras xa advertían e demostran o importante golpe para a nosa pesca”, sinala Rego

O portavoz do BNG no Congreso dos Deputados, Néstor Rego, presentou unha proposición non de lei na cámara baixa na que empraza ao Ministro de Pesca, Luis Planas, a que reclame no seno da UE a suspensión do veto ás artes fixas de pesca como o palangre e o enmalle, revisando a inxusta prohibición vixente que naceu dunha decisión adoptada pola UE “sen os necesarios informes científicos e socioeconómicos sobre o impacto desta ríxida medida nas frotas pesqueiras e o resto do sector mar industria”.

Ademais, o parlamentar do BNG demanda ao Ministerio que traslade á UE “o firme rexeitamento do Goberno español diante calquera posíbel ampliación das zonas vedadas sen estar acompañadas dos informes e estudos científicos rigorosos e exhaustivos. Tamén deben contar coas análises pertinentes sobre o impacto socioeconómico deste tipo de decisións”.

Outra das cuestións que o BNG salienta é a necesidade de adoptar as medidas precisas para evitar o despezamento de buques e a eliminación de postos de traballo nas frotas afectadas pola prohibición á pesca ás artes de fondo.

A decisión da UE non contou cos informes científicos serios e rigorosos

Lembra Néstor Rego o “golpe tan duro e forte que supuxo para estes sectores pesqueiros a decisión da UE de vedar á pesca 87 zonas de pesca en augas do estado español, Portugal, Francia e Irlanda hai mais dun ano”. Critica que se tratou dunha medida que non estaba sustentada en informes científicos serios. “Xa daquela as frotas afectadas deron a voz de alarma ante unha decisión totalmente unilateral e inxusta. Agora diferentes estudos veñen a corroborar o que as frotas denunciaban. No camiño sofren o impacto negativo dunha decisión a todas luces arbitraria”.

O palangre, unha arte estática e selectiva: a máis afectada por unha “medida arbitraria”

É preciso recordar que a norma  aplicada afecta a todas as artes que teñen contacto cos fondos mariños, “sustentada en datos sobre os efectos das artes móbeis como o arrastre pero non con dados sobre as artes estáticas como o palangre, unha arte moito máis selectiva e que está a ser a máis prexudicada”, denuncia o deputado do BNG

Néstor Rego alude o ditame do Comité Científico, Técnico e Económico de Pesca sobre o impacto das vedas onde se recoñece que a frota máis afectada é a do Estado español, nomeadamente a galega, cunha estimación de perdas que se sitúan entre os 13 e os 16 millóns de euros ao ano. Na mesma liña, o estudo do IEO nos caladoiros do Cantábrico, Galiza e Golfo de Biscaia fai a mesma conclusión de grave afectación á frota de palangre.

Rego apela a Planas a traballar para evitar que se estendan novas áreas de veda que non contan cos estudos axeitados.