BNG demanda o pago de indemnización polos efectos adversos da vacinación contra a lingua azul
O portavoz de gandaría do BNG, Xosé luís Rivas demandou o pago de indemnizacións polos efectos adversos tras a campaña de vacinación contra a lingua azul e avanzou que o BNG “permanecera vixiante a que se cumpra o abono correspondente” polas consecuencias económicas que deben soportar as explotacións.
Na defensa da proposición non de lei, o nacionalista explicou que o 17-02-2023 foi detectado, de maneira oficial por parte dos servizos veterinarios da Xunta, o serotipo 4 do virus da lingua azul en catro explotacións “centinela” de bovino, nos concellos de Fornelos de Montes, As Neves, Pontevedra e Sarreaus ao que sumou Caldelas en Ourense.
Trátase, explicou, dunha doenza vírica que se transmite por medio de mosquitos do xénero culicoides e que afecta a “ruminantes de diferentes especies” sobre todo, vacas, ovellas e cabras.
Esta doenza de tipo vírico, afirmou “non reviste perigo de zoonose” e , “non se transmite aos humanos por contacto con animais afectados nin por consumo de carne ou leite”
No momento de seren detectada a enfermidade nas explotacións centinelas no mes de febreiro, non existía a posibilidade de transmisión polo que se deduce que a infastación foi previa ó mes de novembro pasado, mantendo o virus sen manifestar enfermidade.
Tras saltar as alarmas o pasado 7 de mes de marzo, foi iniciada a campaña de “vacinación gratuíta e obrigatoria” para gando bovino e ovino nas provincias de Ourense e Pontevedra e nas comarcas de Sarria, Chantada, e terra de Lemos e Quiroga en Lugo. No gando bovino, explicou o deputado do BNG, a vacinación faise en dúas doses cun período intermedio de 21 días e a obrigatoriedade de vacinación afecta a animais bovinos e ovinos de máis de 4 meses, os de menor idade procederán de nais vacinadas para a súa mobilidade. Por outra parte, os xatos de cebo deberán estar inmobilizados na explotación cando menos, o tempo entre as doses.
Efectos adversos tras a vacinación
Na anterior campaña de vacinación, engadiu Xosé Luís Rivas, (Mini), observouse un bo número de “reaccións adversas á vacinación”, tanto en ovino coma en bovino con “mortes e abortos en ocasións tardíos”. Nesta campaña, descoñecemos se tamén se producirán estas incidencias e para previr males maiores, dixo, e necesario, ademais do seguimento, “compensacións polos prexuízos causados aos gandeiros pola inmobilización de animais e a súa prohibición para a compra e venda”.
Rivas destacou entre os efectos secundarios da vacina: alteracións reprodutivas, postración, febre, cegueira, conxestión pulmonar, disnea ou hiperventilación e a morte do animal. Por Real Decreto cando se dan estas circunstancias existen indemnizacións por “mortes provocadas pola enfermidade e polas actuacións de control obrigatorias o que inclúe abortos” ao que sumou tamén os efectos adversos derivados do “manexo no proceso de vacinación, principalmente no gando extensivo polas mangas e o estres”.
O deputado rematou a súa intervención indicando que ademais do seguimento da campaña de vacinación, deben ser aboadas as indemnizacións polas incidencias que repercuten negativamente na economía dos gandeiros e gandeiras e avanzou que o BNG “permanecerá vixiante ao pago das compensacións económicas correspondentes”.