BNG demanda mellorar a conexión de teléfono móbil e internet no Concello do Corgo
O deputado nacionalista rexistra preguntas para coñecer as actuacións do Goberno do Estado para cumprir a normativa e garantir o servizo universal
Reclama que o municipio lugués entre dentro das actuacións do Programa de Universalización de Infraestruturas Dixitais para a Cohesión-Banda Larga
O Bloque Nacionalista Galego demanda ao Goberno do Estado actuacións no Concello do Corgo dentro do Programa de Universalización de Infraestruturas Dixitais para a Cohesión-Banda Larga. A organización nacionalista rexistra preguntas para coñecer que actuacións se realizarán para mellorar a conexión en Lugo, e concretamente no concello do Corgo, e dar cumprimento á normativa sobre o servizo universal que se debe garantir en todos os núcleos de poboación, con especial atención as situadas en zonas rurais, e demanda realizar as modificacións lexislativas necesarias para asegurar que unicamente se poida facturar ás persoas usuarias polo servizo efectivamente prestado.
“Moitos concellos da Galiza, en pleno século XXI, seguen a ter problemas pola cobertura de telefonía móbil, tanto para as chamadas como os datos de internet” denuncia o deputado do BNG. De facto, Rego sinala que fóra das cidades, en moitos concellos a conexión non chega aos 20 MB reais “o que dificulta a fixación de poboación e a implantación de moitas empresas”.
No caso do Concello do Corgo, pódese comprobar que a maioría dos núcleos de poboación atópanse en zonas sen conexión, na zona branca segundo a identificación da zona brancas e grises da NGA. “Algo que constatan a diario a veciñanza, que non ten acceso a cobertura de telefonía móbil para realizar chamadas e, moitos menos, acceso a internet, nin móbil, nin fixo” enfatiza Rego.
A fibra óptica só chega a unhas poucas parroquias e, aínda neses casos, estabelécese a conexión de forma irregular. Na maioría resulta imposíbel a comunicación telefónica ou conectarse a internet para realizar as xestións máis sinxelas. “Con todo, os clientes deben afrontar o pago do total da factura coma se gozasen dun servizo adecuado, cando en realidade reciben unha prestación defectuosa” subliña o deputado do BNG
Destacan, pola súa mala cobertura, os núcleos de Queizán, Anseán, Adai, Piñeiro, Folgosa, a estrada de Laxosa, Maceda, Campelo, Farnadeiros, Gomeán, Quinte, Vilanova, Manán, Vilachá, Fonteita o A Pedra.
En 2021, publicábase a convocatoria do Programa de Universalización de Infraestruturas Dixitais para a Cohesión – Banda Larga (ÚNICO-Banda Larga) que inclúe actuacións en Lugo e aparecen como que se atopan en execución, “mais descoñecemos o seu verdadeiro alcance e se entre os concellos beneficiados polas actuacións está o citado Concello do Corgo” explica o deputado do BNG. Por este motivo, Rego pregunta se os núcleos anteriormente nomeados gozarán dunha mellora na súa conexión e cando comezarán as obras.
A futura Lei Xeral de Telecomunicacións, votada esta semana na cámara baixa que o BNG emendou para resolver os problemas de conexión, propón incluír no seu artigo 35 que se considere obrigatorio dentro do servizo universal, “o servizo de acceso adecuado e dispoñible a unha internet de banda larga a través dunha conexión subxacente nunha localización fixa, que deberá soportar o conxunto mínimo de servizos”. Queremos coñecer se o Goberno asegurará que se dea efectivo cumprimento á normativa sobre servizo universal garantindo que todos os núcleos de poboación, especialmente aqueles situados en zonas rurais, conten cunha cobertura adecuada de telefonía e internet que permita realizar cando menos as xestións ordinarias persoais e laborais.
Da mesma maneira, tal e como vén reclamando a organización nacionalista, demanda ao Goberno a realizar as modificacións lexislativas necesarias para asegurar que unicamente se poida facturar ás persoas usuarias polo servizo efectivamente prestado.