BNG demanda mellorar a conexión de Internet en Gondomar
Néstor Rego reclama levar a cabo as obras de ampliación da rede de fibra e conseguir cumprir os compromisos de implantación do servizo de internet
Urxe impulsar unha reforma da normativa para que obrigue ás compañías a aplicar as bonificacións ou descontos na factura de internet cando non cumpran os contratos
A formación do BNG rexistra novas iniciativas no Congreso co obxectivo de garantir a conexión de internet nas zonas do rural da Galiza que, a día de hoxe, se atopan en desigualdade con outras zonas urbanas. O deputado do BNG na cámara baixa, Néstor Rego, exemplifica a falta de acceso a internet na meirande parte das parroquias de Gondomar e reclama ao Goberno do Estado que actúe para que as compañías cumpran coas obras de ampliación da rede de fibra. Así mesmo, urxe que se leve a cabo unha reforma da normativa para obrigar ás compañías a aplicar descontos nas facturas cando non cumpran co estipulado no contrato cobrando só o servizo que de verdade poidan ofrecer.
A veciñanza do Concello de Gondomar leva anos reclamando a mellora no servizo de internet. A cobertura non supera 25% das vivendas totais de e a maioría delas atópanse no casco urbano e nunha parte da parroquia de Vincios. “Isto vulnera o dereito a ter un servizo de internet de calidade e en igualdade de condicións ao que poden gozar outras zonas” comeza o deputado nacionalista. De facto, Gondomar debe soportar un servizo “exaxeradamente lento, cando non inexistente” nas zonas máis rurais do municipio.
A maioría da veciñanza ten conexión de ADSL que nin sequera alcanza os 10 megas. Como esta se colapsa, moitas persoas optan pola rede móbil 4G “polo que tamén se satura e deixa de ser eficiente”. “As persoas están pagando por un servizo de Internet que non reciben das empresas de telefonía. Por iso entendemos que o Goberno do Estado ten que impulsar unha reforma da normativa aplicábel que obrigue ás compañías a aplicar rebaixas ou descontos nas facturas de telefonía e internet cando non cumpran o estipulado” explica o deputado nacionalista.
“O principal tronco de alimentación da rede rural que Movistar se encarga de estender foi financiada con 100 millóns de euros dos plans de extensión da banda ancha da Xunta e do Estado para chegar ás poboacións de menos de 300 habitantes” enfatiza Rego. A Plataforma Fibra Xa! recolleu 1.650 sinaturas e a compañía veuse obrigada a facer público de que antes do remate do ano a fibra chegaría a todas as parroquias de Gondomar. “Este obxectivo continúa a incumprirse e o continuo retraso e a inoperatividade da compañía supón un incumprimento das súas obrigas” recrimina Rego.
Por este motivo, reclama ao Goberno do Estado que interveña e actúe para lograr que se cumpran os acordos de implantación do servizo de internet nas zonas rurais e permitir desenvolver un servizo de calidade. De non ser así, os continuos retrasos e inoperatividade da compañía, estarían contando co beneplácito do executivo estatal.