BNG demanda medidas para paliar as consecuencias da gran mortaldade de moluscos para o sector marisqueiro
A parlamentaria do BNG, Rosana Pérez demandou incrementar as axudas da consellería do Mar nun ano de grandes perdas para o sector marisqueiro ante a mortaldade de moluscos nas diferentes zonas da costa galega.
A nacionalista argumentou que no mes de febreiro os temporais devolveron ás praias toneladas de marisco morto ou debilitado e a baixa salinidade das augas parece ser a causa principal. Ante esta situación criticou que dos 1.498 km de costa galega, a conselleira do mar non visitara as zonas afectadas para constatar as consecuencias para os máis 6.000 mariscadores e mariscadoras.
En todo o mes, engadiu a nacionalista, a titular de Mar non foi capaz de falar con ninguén de Rianxo, Cabo de Cruz, Noia, Carril, Vilagarcía, Pontevedra, Poio, Vilaboa, Vigo, Camariñas, ou Redondela, onde a mortaldade do molusco acadou unha magnitude extraordinaria. Polo momento, dixo tamén descoñecemos que medidas ten previstas a consellería ao respecto agás a convocatoria das “axudas ordinarias”, cunha liña de axudas de 980.000 euros, cofinanciados polo FEMP para a recuperación da biodiversidade e dos ecosistemas mariños, e outra de 300.000 euros, de fondos propios da Xunta para proxectos de rexeneración, é dicir, “os mesmos fondos ordinarios que en calquera ano pero este non se parece a ningún outro ano nin de lonxe”.
Rosana Pérez criticou que a consellería convocara unha liña de axudas para promocionar os produtos procedentes da pesca e da acuicultura entre a poboación xuvenil por 400.000 e 300.000 euros de fondos propios para rexenerar os lugares onde se debe pescar, neste caso, onde se debe mariscar. Son estas as súas prioridades conselleira? Como vai facer fronte á perda de ingresos do sector marisqueiro? preguntou a nacionalista.
Pola súa parte Rosa Quintana respondeu que os informes dos técnicos confirmarán a situación real da mortaldade dos moluscos e serán analizadas diversas alternativas ao que a parlamentaria do BNG afirmou que as axudas son as que convoca a consellería todos os anos e as persoas que se dedican ao marisqueo opinan que este é un ano extraordinario. Por outra parte, dixo, á tenor dos datos , descoñecemos as súas prioridades e o desenvolvemento dos bancos marisqueiros. Como vai facer fronte a consellería á perda de ingresos do sector marisqueiro galego, volveu a preguntar a nacionalista, porque os mariscadores e mariscadores non poden agardar polos informes dos técnicos sobre o impacto e esa é a pregunta que volvemos a formularlle, que vai facer a consellería do Mar?".