O BNG demanda "un marco propio" de relacións laborais e negociación colectiva
A deputada defendeu a necesidade dun marco galego para mellorar as condicións laborais e salariais dos traballadores e traballadoras galegas
Pleno.- A parlamentaria do BNG, Montse Prado defendeu hoxe, a través dunha proposición non de lei, establecer un marco propio de relacións laborais e negociación colectiva que conleve convenios sectoriais, provinciais e autonómicos que prevalezan sobre os convenios de empresa e estatais.
A deputada tamén reclamou que os convenios sectoriais manteñan a consideración de convenio básico para que ningún convenio de empresa poda establecer condicións inferiores determinadas polo convenio sectorial de referencia e que o Parlamento galego acorde apoiar as iniciativas sindicais que contribúan a facer viable este pronunciamento.
Marco galego de relacións laborais para mellorar as condicións laborais e salariais das persoas traballadoras galegas
No BNG, dixo, concordamos coa posición da CIG porque o noso futuro non pode estar en mans do Banco central europeo nin no Fondo Monetario Internacional ou a Comisión europea. A Banca alemá , engadiu, non pode ditar as normas para beneficiarse en detrimento dos traballadores e traballadoras galegas. O noso futuro debemos definilo nós, e este Parlamento como máxima expresión de soberanía debe apoiar o marco galego de relacións laborais.
Por outra parte, a deputada criticou as diferentes reformas laborais das que dixo, trouxeron temporalidade, precariedade e que os traballadores e traballadoras galegas traballen máis horas por menos salarios. Dende o punto de vista social as reformas laborais representaron un retroceso nos dereitos sociais e un aumento das desigualdades e de pobreza.
As reformas laborais, explicou a nacionalista, serviron para crear un enorme exercito de reserva para usalo de chantaxe para todas as persoas desempregadas e para que os manteñen o emprego asuman condicións peores. Unhas reformas laborais que provocaron efectos devastadores nos traballadores e traballadoras en Galiza polo que reivindicou un marco galego de relacións laborais e negociación colectiva para superar esta realidade.
As reformas laborais dinamitaron as negociacións colectivas
A parlamentaria explicou que a negociación colectiva é imprescindible para que os traballadores e traballadoras melloren as condicións laborais e as reformas laborais aplicadas polos diferentes gobernos no estado dinamitaron estas negociacións, priorizazon os convenios estatais, privatizaron empresas e deixaron a clase traballadora moito máis desprotexida. É necesario un marco galego de relacións laborais para garantir os dereitos laborais e sindicais dos traballadores e traballadoras, impulsar unhas condicións laborais e salariais dignas e desenvolver a negociación colectiva baixo unha perspectiva galega.
Pola súa parte, a portavoz do partido popular, Cristina Fernández Romero anunciou o voto en contra á iniciativa nacionalista.