O BNG demanda o mantemento do consultorio do centro de saúde de Parga para garantir a súa calidade asistencial
O BNG levou esta mañá ao Parlamento galego a actual situación do centro de saúde de Parga no concello de Guitiriz para reclamar ao Sergas que reabra o seu consultorio médico e solvente as graves deficiencias asistenciais que padece, logo da súa semiapertura tras o confinamento pola COVID19, só dúas horas, dous días á semana e só para a realización de extraccións e seguimento de doentes con Sintrom.
Segundo explicou a deputada por Lugo do Carme Aira nunha pregunta ante a Comisión de Sanidade da Cámara, “demandamos que se manteña o consultorio aberto porque é a única maneira de garantir a equidade e accesibilidade da poboación á asistencia sanitaria”. Actualmente as persoas usuarias do centro de Parga teñen que desprazarse ao que está situado en Guitirriz, o que provoca non só un prexuízo na calidade asistencial que reciben, senón tamén un gasto engadido ao ter que asumir o custo dos desprazamentos, nalgúns casos de ata 30 minutos.
A deputada nacionalista criticou os argumentos facilitados polo Goberno galego baseados na falta de persoal médico porque, segundo indicou, “é o propio Sergas o que fomenta que se vaian por non darlles unha adecuada estabilidade laboral e, de feito, están traballando en precario”.
Aira tamén cuestionou a falta de diálogo da Xunta ante a iniciativa da propia veciñanza de Parga, que puxo a disposición do Goberno galego unha alternativa para recuperar a actividade plena do centro garantindo as medidas de seguridade esixidas, a través da instalación dun módulo anexo ao centro cuxo custe sería mesmo asumido pola Comunidade de Montes Veciñais en Man Común da parroquia.