BNG demanda a goberno central á Unión Europea que tomen medidas para paliar as consecuencias do recorte de cotas do xurelo e anguía
Pérez denuncia o recorte do 95% da cota galega do xurelo norte, “unha das principais especies para a pesca galega e da que viven moitos barcos durante todo o ano, 150 de cerco e entre 60 e 70 do arrastre”
No caso da anguía, as restricións que se impoñen supoñen pasar de 3 a 6 meses de veda, o que significa “un durísimo golpe para as embarcacións da ría de Vigo” xa que este peixe é moi importante para actividade dos naseiros de Pontesampaio, Arcade, Cesantes, Redondela e Vilaboa.
O BNG levou ao Parlamento os recortes da Unión Europea da cota do xurelo norte e as restricións á anguía, ambas especies de grande importancia para a actividade do sector pesqueiro galego.
A portavoz de Pesca, Rosana Pérez, criticou as decisións dunha UE que “leva anos impoñendo normas que nos prexudican gravemente e abofé que está a conseguir acabar con nós” xa que, argumentou, “en menos dunha década hai 1.400 buques galegos menos xa que, dos 5.600 que había no 2004, hoxe quedan 4.200”. O recorte de xurelo dun 95% na cota asignada para o Estado na zona de Fisterra ao norte, redución que Pérez cualificou de “inexplicábel incluso dende o punto de vista científico”, xa que os informes empregados para facer este recorte “téñense revelado moitas veces como pouco rigorosos”, criticou.
Pérez denunciou que as condicións que ofrece o Ministerio de Pesca ao sector para o paro biolóxico “son de miseria” xa que non inclúe a pesca de arrastre nin as artes menores e “dos 150 barcos do cerco só considera altamente dependentes a 68 e pretende que os mariñeiros cobren só de luns a venres”. Neste sentido, tamén recriminou a actitude dunha Xunta “que non é competente en nada, nin sequera naquilo no que ten competencias exclusivas”, dixo en referencia ás declaracións da conselleira do Mar, que responsabilizou a Madrid do reparto das axudas ao sector do xurelo, “nin ten competencias nin as quere ter, está claro. En realidade, a Consellería nunca ten competencias sobre nada e as que ten de xeito exclusivo, tampouco as exerce como veremos no caso da anguía”.
En relación coa anguía, as restricións que se impoñen supoñen pasar de 3 a 6 meses de veda o que, recriminou a portavoz de Pesca, “significa un durísimo golpe para as embarcacións da ría de Vigo, onde supón unha importante actividade para os naseiros de Pontesampaio, Arcade, Cesantes, Redondela e Vilaboa. Algo que se suma a unha situación previa onde as embarcacións cumpren as condicións dos plans de xestión dende hai 20 anos e cunha veda anual de 3 meses dende hai máis de 10 anos “que lle foi imposta pola UE de xeito totalmente inxusto e ilóxico”, criticou, polo que esta especie “vése afectada de novo pola mala xestión que outros países europeos fixeron dela. Unha xestión que non concorda coa realidade particular de Galiza e que xa vén causando perdas aquí dende hai anos, e que agora se incrementan para máis de medio cento de familias”, sinalou Pérez, o que supoñen ata 50 embarcacións.
É por iso que o BNG emprazou na Cámara á Xunta, goberno central e á Unión Europea articular medidas que palíen as consecuencias da situación á que se ve abocada a frota do cerco e tamén a frota da anguía, “afectada ao recortárselle noutros 3 meses a posibilidade de pesca”, advertiu a parlamentaria nacionalista. Ademais, propuxo que o estado negocie con outros estados que non colmen a súa cota para así poder ampliar a cota propia do xurelo a través de intercambios.
A portavoz de Pesca concluíu lembrando ao Goberno do PP o seu deber para co sector pesqueiro e esixiulle asumir as súas competencias “no caso da anguía e poña en marcha medidas de axuda económica propias e, evidentemente, que utilice os fondos FEMP para axudar ao cerco, ao arrastre e ás artes menores que quedan sen cota de xurelo”. Propostas que foron rexeitadas pola maioría dos Populares na Cámara.