O BNG demanda fondos suficientes para garantir a continuidade do programa Erasmus

O BNG demandou no pleno do Parlamento Europeo que se garantice a continuidade do Programa Erasmus aportando os fondos necesarios para cubrir o déficit actual, que ascende a 90 millóns de euros, e facer fronte aos pagos das becas de 213.000 estudantes de todos os estados membros, dos que 1.490 corresponden ás tres universidades galegas.

A eurodeputada nacionalista, Ana Miranda, alegou que se trata dun dos programas "máis efectivos na consolidación de idea dunha Europa unida, tolerante e solidaria", ademais de salientar a contribución do Erasmus "para acadar unha educación de calidade máis igualitaria en termos de oportunidades, pois ten conseguido que o que antes era privilexio dunha minoría, -completar estudos no estranxeiro-, hoxe sexa algo accesible a todos os estudantes".

Miranda, quen lembrou que tamén foi beneficiaria dunha beca erasmus, propuxo á Comisión Europea que, como Executivo da UE, negocie cos Estados membros un incremento da súa participación neste programa, tendo en conta que de non corrixir o déficit actual se pode chegar "á mesma situación de demora nos pagos das becas tamén para o próximo curso".

Durante o debate, a eurodeputada argumentou que é precisamente nunha situación de crise económica "tan brutal" como a actual "cando máis necesarios son estes programas formativos", tendo en conta que a taxa de paro entre a xente nova en Galiza e no conxunto do Estado español afecta a metade dos mozos menores de 25 anos. "Sería irresponsable reducir os fondos deste programa nunha situación de desemprego que se está a cebar precisamente coa xuventude", alegou.

Considera "irresponsable" minguar este programa "cando a taxa de paro xuvenil e do 50% en menores de 25 anos"

O Programa Erasmus arrancou fai 25 anos e, desde esa data, 3 millóns de estudantes europeos teñen accedido a intercambios formativos e de convivencia nos diferentes Estados membros. O orzamento total deste programa para o 2012 ascende a 129.000 millóns de euros, dentro dun marco financeiro plurianual 2007-2013 que ascende a 976.000 millóns de euros.