O BNG demanda do goberno galego que tome medidas para garantir unhas pensións dignas
Montse Prado critica a “impasibilidade” do goberno ante un mercado laboral cada vez máis precario e as pensións máis baixas do estado
A deputada do BNG, Montse Prado formulou hoxe unha pregunta ao goberno sobre que medidas porá en marcha para garantir a viabilidade dunhas pensións dignas en Galiza, tendo en conta que son “as máis baixas do estado”.
A parlamentaria do BNG replicou á Directora xeral de Emprego, Covadonga Toca Carús que en Galiza “temos os salarios máis baixos” e dende hai anos, o “mercado laboral non mellora” por moito que se empeñe o Partido popular en retorcer os datos e afirmar o contrario.
Prado lembrou que dos contratos asinados no mes de outubro, o 9,47% foron en algunha modalidade de indefinido, polo tanto, estamos ante unha grande precariedade e cando baixa o emprego débese a “perda de poboación activa” e contratos á mocidade “en precario e a tempo parcial e non a creación de emprego de calidade”.
Non cabe dúbida, dixo a nacionalista, que as baixas contías das pensións son froito da situación laboral e o Partido popular conta con ferramentas para reverter esta realidade pero “non as utiliza” polo que preguntou se en algún momento o farán. Por outra banda criticou a “insuficiente execución” do orzamento en materia de emprego.
“O 60% das pensións en Galiza están por debaixo do salario mínimo, a media das pensións, é quince puntos menor que no estado e unha de cada catro mulleres maiores de 65 anos sitúase por debaixo do umbral da pobreza” e cada pensionista galego perde 2.145 euros ao ano nas pensión contributivas.
O goberno presenta un proxecto de orzamentos para o ano 2019 cunha taxa de paro do 12,7%. Sabemos, explicou Prado que as pensións dependen en grande medida do Estado pero a Xunta conta con orzamento para fomentar políticas de emprego que despois non executa destinando só o 21% ao fomento da empregabilidade, en formación profesional de despregados o 25,5%, en formación profesional para ocupados, o 9,6% e en formación de economía social, un 15,2%.
PENSIÓNS NON CONTRIBUTIVAS
A deputada lembrou que 40.000 galeas e galegos son receptoras de pensións non contributivas pero no orzamento do ano 2019, “vostedes manteñen a mesma contía e non amosan intención de querer mellorala”. Prado criticou que o goberno manteña unha “actitude impasible e inoperante” ante os graves problemas dunhas pensións que resultan insuficientes para atender as necesidades básicas vitais.
Sobre as non contributivas reiterou que “non chegan aos 400 euros”, e criticou que os orzamentos do 2019 manteñen a mesma contía para o tramo autonómico cando é posible aumentalo. Nesta liña, a proposta do BNG é incrementar as pensión máis baixas non contributivas neste tramo que suporía un incremento de 100 ao mes situando a prestación por riba dos 400 euros. Este incremento, paliaría a reducida contía destas pensións e sería asumible nos orzamentos con 40 millóns de euros nunhas públicas que superan os 9.000 millóns.
Prado asegurou que resulta imposible garantir as futuras pensións sen garantir melloras no mercado laboral e preguntou que previsión baralla a Xunta de Galiza neste ámbito porque, ao seu xuízo, a representante do goberno en ningunha das súas comparecencias parlamentarias anunciou medidas neste ámbito.