BNG demanda dignificar a asistencia xurídica gratuíta
A través dunha proposición non de lei, o deputado do BNG, Iago Tabarés demandou “dignificar a asistencia xurídica gratuíta” co impulso dun servizo de orientación para persoas vulnerables ou sen recursos e divulgar as quendas de oficio ao que sumou “o pago das actuacións profesionais, realizadas por designación efectuada, aínda que posteriormente sexa denegada a xustiza gratuíta”.
Na defensa da iniciativa, o nacionalista explicou que a quenda de oficio e a xustiza gratuíta “é unha obriga” derivada de acordos internacionais e da Unión europea para “garantir a protección e defensa dos dereitos e liberdades de todas as persoas”. Un servizo, dixo, que as administracións publicas organizan a través das corporación de dereito público, colexios profesionais de avogacía e procuraduría, e que prestan de xeito voluntario profesionais, na súa meirande parte autónomas, que reclaman a mellora das condicións desta prestación. Na actualidade, afirmou o nacionalista, “ o sistema descansa esencialmente no compromiso social e profesional dos avogados e avogadas”.
Por outra parte, o deputado indicou, que Xunta de Galiza “non prevé a prestación dun servizo de asesoramento e orientación xurídica”, agás para os casos de ocupación, das que en todo o 2022 só se produciron en Galiza, 100 demandas.
A esta situación, engadiu que tampouco está garantida a cobertura de accidentes na actuación profesional, abono de custes de desprazamentos ou actuacións profesionais, entre os que destacou os recursos ou pezas separadas, “imprescindibles” para o exercicio nas accións xudiciais.
Compensacións económicas inferiores ás fixadas polo mercado
Tabarés lembrou que as compensacións económicas “son inferiores ao prezo do mercado” e inferiores ás marcadas no ano 2017 e as indemnización por traballos profesionais realizados na quenda de oficio tampouco son abonadas cando é denegado o beneficio da xustiza gratuíta.
Urxe, recalcou o nacionalista, incrementar a valoración profesional e económica deste servizo esencial para garantir os dereitos de todas as persoas así como “o recoñecemento ” dos e das profesionais deste ámbito. Pero a realidade , “é que a Xunta de Galiza é das comunidades do Estado que menos inviste en xustiza gratuíta por habitante”, e polo tanto, urxe a revisión dos conceptos contidos nos baremos e a actualización das compensacións porque existen numerosas omisións no baremo que deben ser corrixidas. “A Xunta debe solucionar os desaxustes actuais e actualizar as compensacións económicas aos profesionais da quenda de oficio”.
Tras a intervención do portavoz popular, Alberto Pazos Couñago que negou a realidade descrita polo nacionalista e mesmo asegurou que Galiza é a comunidade con mellores remuneracións na quenda de oficio, o deputado do BNG reiterou que as reclamacións dos profesionais “son lexitimas” e están avaladas polos colexios de avogados.
Finalmente, Iago Tabarés volveu a reclamar a revisión e actualización das compensacións económicas, contar cun seguro de accidente, o pago por desprazamento e o servizos que na actualidade non son aboados.