BNG demanda cubrir as ausencias do persoal sanitario nos centros de saúde do Barbanza
A deputada do BNG, Rosana Pérez defendeu no Parlamento galego “dotar de persoal sanitario os centros de saúde do Barbanza”, unha comarca de grande precariedade laboral á que “ningún profesional quere ir e foxe cando pode”, afirmou.
A parlamentaria explicou que “miles de persoas non teñen médico de familia asignado, carecen de pediatra e soportan longas esperas para ser atendidas”. Por outra parte, os centros que acollen máis poboación, como Boiro ou Ribeira, son claros exemplos do “mal trato permanente a profesionais e persoas usuarias”.
Rosana Pérez criticou que o Partido popular aproveitara a pandemia para pechar os consultorios de Taragoña e Cabo de Cruz e os pacientes concéntranse agora nos centros de saúde das súas localidades que, á súa vez, “están sobrecargados”.
Na pregunta parlamentaria ao goberno, tamén se referiu aos centro periféricos de Palmeira e Corrubedo, “sen médico a tempo completo e co persoal que debe desprazarse dende o centro de saúde de Ribeira ou doutros centros, provocando que, tanto uns como os outros estean mal atendidos”.
A deputada denunciou que “o cadro de persoal nunca está completo en ningún dos centros de saúde da comarca”, non se cobren as ausencias e os profesionais alongan a súa xornada e atenden sistematicamente a un número de pacientes que dobra o que lle corresponde.
“A falta de pediatras é clamorosa” e a consecuencia é a “peregrinación” dos nenos, nenas, nais e pais por toda a comarca e incluso fóra dela. En opinión da deputada, todas estas circunstancias repercuten no servizo de urxencias do hospital do Barbanza, a onde acoden moitas das persoas que non atopan atención acaída no seu centro de saúde.
A parlamentaria preguntou ao conselleiro de Sanidade como vai resolver a falta de médicos e pediatras que soportan os centros de saúde do Barbanza.
Tras a resposta do conselleiro, Julio García Comesaña que asegurou estar tomando decisións para cubrir as prazas que na actualidade producen demoras na atención sanitaria, a deputada do BNG, acusou ao titular de sanidade de “botar balóns fóra” e non asumir as súa responsabilidade a pesar de ter competencias exclusivas. Vostede, dixo, Rosan Pérez “continúa repetindo falsas promesas” e o slogan de contar con máis prazas MIR está desautorizado por segundo ano consecutivo. O problema, explicou a deputada, non é a falta de prazas para formar médicos e médicas, o problema, recalcou, é que os médicos non queren formarse en Galiza porque as condicións laborais son “insoportables”.
Por outra banda, criticou que agora sanidade anuncie médicos para Ribeira a través dun concurso que, como cedo, non terá lugar antes do outono. Dous médicos en Ribeira!!! E como van facer para cubrir o resto dos que faltan só nesa localidade? preguntou novamente a nacionalista.
“O Barbanza é para vostede un número máis dentro dun bombo de lotería que, se hai sorte, terá unha pedrea nese concurso. Pero vostede é conselleiro de Sanidade do Goberno galego, non un neno de San Ildefonso”. Deixe de elucubrar e culpabilizar a todo o mundo de algo que é da súa exclusiva competencia e responda con claridade á cidadanía: Como, e sobre todo, cando vai cubrir as prazas vacantes de persoal sanitario na nosa comarca? repreguntou a deputada do BNG sen obter ningún tipo de compromiso por parte do conselleiro de Sanidade