BNG demanda a Correos cubrir as prazas vacantes na Galiza para ofrecer un servizo de calidade
A organización nacionalista sinala que durante a época estival a Sociedade Estatal non está a garantir o persoal suficiente agravando durante as vacacións do persoal os problemas estruturais
Carme da Silva propón elaborar un Plan de dotación de persoal que analice as necesidades específicas de cada unidade e pide a Correos que escoite o persoal
O Bloque Nacionalista Galego vén de rexistrar novas iniciativas para que o Goberno do Estado, e no concreto a Sociedade Estatal de Correos, solucionen os problemas existentes e garanta o persoal suficiente e necesario nas oficinas postais da Galiza. A senadora do BNG, Carme da Silva, lamenta a política laboral de Correos e úrxeo a escoitar as demandas do persoal e as persoas usuarias para reverter a actual situación e os problemas estruturais do servizo, agravados agora durante a época estival, así como elaborar e pór en marcha un Plan de dotación de persoal.
Como cada verán na Galiza, Correos está a repetir a mesma política de persoal cunha falta de antelación e previsión ante o cadro de vacacións, baixas e outras insuficiencias que levan a situacións de atascos na repartición postal, imposíbel de asumir por parte do persoal que queda. Deficiencias, explica a senadora do BNG, que se suman ás xa existentes en moitas das oficinas galegas xerando xa un problema de carácter estrutural.
De facto, os representantes dos traballadores e traballadoras levan tempo advertindo a Correos da necesidade de actuar con previsión e dispoñer de persoal suficiente de forma cotiá pero tamén nos períodos estivais. “Os traballadores e traballadoras non só se enfrontan a un estrés laboral causado por non poder abarcar todo o traballo existente senón que ven como non poden garantir un servizo de calidade conforme ao estipulado na lei postal” subliña a senadora do BNG.
“A situación que estamos a denunciar está acontecendo na meirande parte das oficinas postais situadas na Galiza sen que Correos asuma a súa responsabilidade e adopte medidas. Temos como exemplo a situación en Santiago de Compostela, moi deficitaria que desde xuño se están a multiplicar os problemas de atascos no reparto da correspondencia, ou a de Lalín onde os seus traballadores se viron obrigados a mobilizarse o pasado 18 de xullo para demandar que Correos cubra as catro prazas vacantes” especifica Carme da Silva.
En opinión da senadora do BNG, Correos debe rachar co guión que se está a repetir ano tras ano en época estival e atallar os graves problemas estruturais da empresa estatal: “ten que garantirse que existe o persoal suficiente e necesario nas oficinas postais, garantindo un servizo de calidade”. Con carácter xeral, apunta da Silva, Correos debe tomarse en serio os problemas de insuficiencia de persoal nas oficinas postais de Galiza, especialmente na dotación de carteiros e carteiras para que se poida ofrecer un servizo postal de calidade e conforme ao estipulado na lei postal.
Carme da Silva pide á Sociedade Estatal que escoite as demandas do persoal, así como das persoas usuarias do servizo, porque o único que están a pedir “é cubrir as prazas vacantes e poder sacar o traballo adiante”. Neste sentido, a senadora do BNG propón a Correos elaborar un Plan de dotación de persoal que analice as necesidades específicas de cada unidade.