BNG demanda á Consellería de Educación a adscrición do alumnado do CEIP Novo Mesoiro e a dotación de transporte escolar para o IES A Sardiñeira da Coruña
O BNG levou ao Parlamento a situación das familias do barrio do Novo Mesoiro para escolarizar ás súas crianzas en ESO E Bacharelato no IES A Sardiñeira, un centro que ten unha elevada demanda por parte de familias deste barrio que non dispoñen de prazas no centro adscrito IES Elviña, mais tampouco dispoñen de oferta delas no IES A Sardiñeira. Ademais, danse eivas aínda presentes na súa oferta de transporte público, responsabilidade da Xunta.
A deputada pola Coruña, Mercedes Queixas, criticou o “parche electoralista” dos Populares, que dispuxeron un autobús dende febreiro mais non se comprometen a ofertar este mesmo servizo en cursos posteriores, coa consecuente incerteza para alumnado e comunidade educativa.
Esta situación fora denunciada nos medios de comunicación, xa que o alumnado do IES A Sardiñeira ten a parada máis próxima de autobús a quince minutos a pé do centro, o que provoca situacións “indignas” cando chega ou inverno ou a choiva.
A dispoñibilidade de prazas vacantes no IES A Sardiñeira, remarcou Queixas, pode acoller a demanda das familias de Novo Mesoiro, que hoxe non poden matricular aos seus fillos e fillas no IES Elviña porque teñen todas as prazas cubertas e dispoñerían do IES A Sardiñeira como outra opción viable para a escolarización.
Esta situación ten solución, explicou a deputada coruñesa, xa que é posible mediante a adscrición do CEIP Novo Mesoiro ao IES A Sardiñeira, medida á que se opón o PP, antepoñendo a “liberdade de elección do centro” aos criterios “de igualdade equidade no acceso á educación”, feito que denunciou Queixas.
Fronte esta “desatención e desleixo” do Executivo do PP con este centro, a parlamentaria nacionalista enxalzou “o traballo profesional do seu profesorado”, polo “inxente traballo educativo ordinario e complementario que ofrece. Un traballo heroico que mesmo valora a inspección e a ANPA”, destacou, con programas como o Eduexcelencia, IgualaT, CoviveT, Erasmus+, Club de Ciencia, Clubs de lectura, Plambe, Acredtación de linguas estranxeiras, Contratos Programa, Plans Proxecta, entre outros.
A deputada pola Coruña emprazou á Consellería de Educación concederlle ao CEIP Novo Mesoiro unha dobre adscrición ao IES A Sardiñeira e ao IES Elviña, “así o alumnado sen praza no IES Elviña ou interesado no IES A Sardiñeira pode matricularse nel porque hai vacantes”, e a habilitar unha liña de transporte escolar, “porque non hai alternativa doutro transporte público”, remarcou, “e porque é unha obriga da consellería dotar deste servizo á educación obrigatoria”.
Propostas todas que foron rexeitadas polo Goberno do PP en boca do secretario xeral técnico da consellería, Manuel Vila, que declarou que, a pesar “de concordar nos principais puntos da exposición”, sostivo que “as necesidades do centro estaban cubertas”.