Congreso

BNG demanda no Congreso a mellora dos pasos da Xorxa e a Trapa en Vigo

Néstor Rego e Xabier Pérez Igrexas (arquivo)

O deputado Néstor Rego destacou que resulta imprescindíbel que quer o Ministerio de Transportes quer a Audasa, acometan as melloras necesarias para garantir o paso seguro de vehículos e persoas.

O portavoz municipal, Xabier Pérez Igrexas, denuncia a tentativa do Ministerio de reducir as pasarelas a uso peonil e advirte que isto suporía incomunicar ambos núcleos do barrio de Teis, que serían inaccesíbeis mesmo para os servizos de emerxencias.

O deputado Néstor Rego instou o Goberno español, concretamente ao Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana a través dunha iniciativa parlamentaria, a promover as melloras e adecuacións necesarias que permitan o tránsito seguro de vehículos e persoas polos pasos elevados, sobre a AP-9, da Xorxa e a Trapa no barrio de Teis da cidade olívica.

O BNG leva ao Congreso a demanda veciñal de  Teis por iniciativa do portavoz municipal, Xabier Pérez Igrexas, que denuncia a tentativa do Ministerio de reducir as pasarelas a uso peonil, que sinalou que “os pasos da Xorxa e a Trapa son imprescindíbeis para evitar que estas zonas do barrio de Teis fiquen incomunicadas”, mesmo inaccesíbeis para os servizos de emerxencias.

Estando pendente a conversión en vía urbana do tramo da AP-9 que discorre desde as Torres de Padín até o centro da cidade de Vigo, como solución máis efectiva para dotar dun mellor encaixe tanto urbanístico como viario a esta infraestrutura, a formación nacionalista considera fundamental que mentres tanto se garanta, como mínimo, as vías de paso existentes até o momento, como o son os pasos elevados da Xorxa e a Trapa.

Néstor Rego destacou que resulta imprescindíbel e urxente que o Ministerio de Transportes e, singularmente, a empresa concesionaria da autoestrada, Audasa, acometan as melloras necesarias para garantir o paso seguro de vehículos e persoas.