O BNG demanda o compromiso orzamentario da Xunta en 2021 para a construción dun Conservatorio de Danza en Santiago
O BNG vén de demandar no Parlamento o compromiso da Xunta para a construción dun Conservatorio de Danza en Santiago e a inclusión deste proxecto nos orzamentos de 2021. Na iniciativa parlamentaria, a deputada Mercedes Queixas reclama ao Executivo galego que se sume deste xeito ao acordo acadado, por iniciativa do Bloque, no pleno do Concello de Santiago, ao abeiro do que se constituíu a Plataforma pola creación dun Conservatorio Profesional de Danza en Compostela e polo que a administración local tamén se compromete a xestionar coa Xunta a colaboración precisa para a súa implantación.
Queixas lembra que o único centro de danza profesional dependente da Consellería de Educación é o situado en Lugo que, segundo explica, non atende debidamente á demanda social do país, tal e como acredita a creación da plataforma compostelá para a construción dun centro de danza en Santiago. Neste sentido, explica que a demanda vén sustentada en datos “ben relevantes” sobre o importante volume de alumnado asistente a escolas e academias privadas na capital galega e a súa contorna, e nas máis de 4.000 sinaturas recollidas pola plataforma nunha campaña informativa que aínda segue aberta.
A deputada nacionalista subliña que a demanda social avala tamén a petición de ampliar a oferta de prazas de formación en estudos profesionais de danza en Compostela, centro xeográfico do país e con posibilidades de dar servizo a unha ampla poboación máis alá dos límites municipais. Ao seu xuízo, “o proxecto non é un fin en si propio, senón un primeiro paso que dea resposta á demanda e, ao tempo, leve aparellada a realización dun necesario estudo que ofreza a radiografía das necesidades de formación en estudos profesionais de danza para cubrir o conxunto do país”.
Na defensa da proposición non de lei, que foi rexeitada polo veto do PP, Queixas considerou preciso “recuperar o paso no ámbito formativo da danza” e recalcou nesta liña que a dinámica cultural e económica que se desenvolve arredor do mundo da danza e as artes en xeral fai que a súa expansión sexa unha “oportunidade real de reactivación sociolaboral para o conxunto do país”.