O BNG demanda á CHMS a modernización dos regadíos de Val de Lemos
A CHMS resposta ao deputado e á senadora do BNG que asinou un Convenio coa USC para un plan de aproveitamento agronómico, mais as actuacións no regadío están aínda “en estudo”.
Reclaman a adopción urxente de medidas que eviten o desperdicio de auga e que permitan o aproveitamento agrícola pleno dos terreos altamente produtivos do Val de Lemos.
O portavoz do BNG no Congreso, Néstor Rego, e a senadora Carme Dasilva presentaron varias iniciativas parlamentares para instar á Confederación Hidrográfica do Miño-Sil a modernizar os regadíos de Val de Lemos e parar o desperdicio de recursos hídricos que se produce por unhas infraestruturas obsoletas e faltas de actuacións de mantemento.
Denuncian a situación de abandono dos regadíos de Val de Lemos e salienta a necesidade de melloras para incrementar a capacidade produtiva dos terreos de cultivo. “Trátase de miles de hectáreas de terras de cultivo que se atopan nun estado de abandono. O sistema de regadíos esta obsoleto e leva a un desequilibrio no subministro de auga facendo que nunhas zonas se produzan inundacións mentres outras non reciben auga. Pérdense miles de litros de auga de forma absurda”.
O BNG leva anos reivindicando a modernización destes regadíos á Confederación Hidrográfica do Miño-Sil e solucionar a situación dos regantes. Afecta aos concellos de A Pobra de Brollón, Bóveda e Monforte de Lemos, entre outros municipios do Val de Lemos. Á caducidade dun sistema de regadío antigo, únese a falta de mantemento das canles de auga e do resto da infraestrutura.
Non se entende que a CHMS permita este desperdicio de auga
Desde a perspectiva da preocupación pola sustentabilidade, remarca Rego, “non se entende que a Confederación Hidrográfica alongue esta situación, permitindo este desperdicio de auga e o desequilibrio de terras enchoupadas de auga mentres que outras están secas. Son terreos altamente produtivos que están en estado de abandono. Ao tempo que a auga do encoro non se utiliza e se desperdicia, resulta que o río Mao sofre as consecuencias de falta de caudal ecolóxico necesario”.
Actualizar o censo de regantes, condonar a débeda e renegociar as condicións
Para o BNG “a Confederación Hidrográfica debería actuar con celeridade e urxencia ante un problema con un negativo impacto medioambiental ao desaproveitar a auga embalsada para regadío no río Mao, e impedindo a posibilidade de poñer en produción un total de 5000 hectáreas que están sen cultivar”. Critican a mala planificación da auga por parte de Confederación Hidrográfica este abandono.
Outra cuestión que se pon enriba da mesa, é a necesidade de actualizar o censo de regantes, conxuntamente coa Xunta, renegociar as condicións e cotas de pagamentos, e condonar a débeda acumulada, que é produto da falta de dilixencia e eficacia por parte das dúas administración para dar garantías xurídicas a esta comunidade de regantes. Neste sentido, hai un acordo aprobado por unanimidade no Parlamento galego.
Resposta da CHMS: aínda “en estudo”
Nunha recente resposta a Néstor Rego e a Carme Dasilva, a Confederación indica que asinou un Convenio coa Universidade de Santiago “para a elaboración dun plan integral para aproveitamento agronómico do regadío Val de Lemos”.
A Confederación non concreta as medidas a levar a cabo nin prazos temporais. Unicamente sinala que “se están contemplando diversas actuación entre as que se está a avaliar as obras de mantemento e reparación necesarias para pór en óptimo funcionamento o regadío”, mais recoñece que “todo está en estudo”.
Paradoxalmente, a CHMS afirma que “as infraestruturas se reparan, manteñen e limpan de maneira constante de acordo coas necesidades existentes”. Unha afirmación que contradí a propia realidade.
Polo demais, a CHMS relega toda medida de mellora do aproveitamento da auga á finalización do Convenio e ás medidas que aí se dispoñan.