O BNG demanda carga de traballo e dique flotante para o naval de Ferrol

O BNG demanda que o sector naval galego sexa declarado estratéxico tanto polo Goberno Central como polo da Xunta de Galiza e, en consecuencia, que se cumpran tres demandas concretas para os estaleiros da ría de Ferrol: levantamento do veto á construción naval civil, carga de traballo e construción do dique flotante.

Así o asegurou esta mañá o portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez, tras manter unha reunión co Comité de Empresa de Navantia, que leva pechado dende o martes no Concello de Ferrol para denunciar a crítica situación pola que atravesa o sector e reclamar solucións.

A delegación do BNG, que estaba integrada, entre outros, polo portavoz municipal, Iván Rivas; o deputado Fernando Branco, ou os alcaldes de San Sadurniño e Mugardos, expresoulle aos traballadores a solidariedade e o apoio do BNG.

O sector naval ten que se considerado estratéxico pola Xunta e o Goberno Central

Na rolda de prensa posterior á reunión, o portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez, subliñou que “non basta coa hipótese de construír algún barco circunstancialmente que pode aliviar o problema durante algún tempo”, senón que “dunha vez por todas hai que esixirlle ao Goberno de Madrid e tamén ao goberno da Xunta que o sector naval galego ten que ser declarado estratéxico e, en consonancia, haille que prestar o apoio político que merece”.

Guillerme lembrou que “durante estes 25 anos de promesas repetidas dos sucesivos gobernos de Madrid, promesas todas incumpridas, dan o suficiente para dicir xa con rotundidade que basta xa de tomaduras de pelo, de promesas que todos sabemos que se van incumprir”.

Se hai 4.500 millóns para Bankia é unha burla que o Goberno de Rajoy diga que non ten 200 millóns para construír o dique flotante para o estaleiros de Ferrol

Pola contra, demandou que o Goberno de Madrid e o galego “empecen a concretar algunha actuación, por exemplo cofinanciando o dique flotante”.

Nese sentido, o portavoz nacional do BNG afirmou que “se o goberno de Feijóo concedeu 10 millóns de euros á planta de Citroën en Vigo tamén o ten que haber para o naval”.

Do mesmo xeito, asegurou que “non me parece aceptábel que se siga dicindo que non hai cartos para potenciar sectores produtivos, ao tempo que o goberno do PP si destina miles de millóns de euros para a banca”. “Non pode ser que haxa 4.500 millóns de euros para salvar cirscunstancialmente a Bankia e non haxa 200 para construír un dique flotante que daría emprego a moita xente durante moitos anos”, sentenciou.

Galiza ten que ter soberanía para defender os seus sector produtivos

Ademais, Guillerme defendeu “a necesidade de que Galiza conte con soberanía, con capacidade de autogoberno real para poder decidir fronte a Bruxelas e Madrid”.

Afirmou que “non é unha teima do BNG, remitímonos aos feitos, porque se é certo que con soberanía non se resolven todos os problemas que temos, sen soberanía e sen autogoberno real para Galiza entón nin sequera é posíbel abordar a solución destes problemas”.

Feijóo incumpre as súas promesas con Ferrol

Pola súa parte, o deputado Fernando Branco criticou que o goberno de Feijóo se negase a incluír nos orzamentos da Xunta partidas para a construción do dique flotante, tal e como demandaba o BNG, “cando despois vemos que no exercicio 2011 o IGAPE deixou de executar 108 millóns do programa denominado “Apoio á internacionalización, modernización e mellora da competitividade empresarial”.

“É dicir, se o goberno do PP na Xunta de Galiza tivese interese político tería capacidade suficiente para cofinanciar o dique flotante”, asegurou.

Por iso, o deputado do BNG demandoulle ao presidente da Xunta e ao conselleiro de Industria “que traballen como goberno e anuncien que van cofinanciar o dique para Navantia, unha estrutura fundamental para que os estaleiros de Ferrol sigan tendo carga de traballo no futuro e sexan competitivos”.

 

http://youtu.be/VqQw5x9l36U