O BNG demanda axudas á UE para a flota cefalopodeira galega afectada polo novo acordo con Mauritania

A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, ven de presentar senllas iniciativas nas que lle demanda á Unión Europea que estableza axudas para a flota cefalopodeira galega afectada polo novo acordo pesqueiro entre a UE e Mauritania, un acordo que na práctica supón a expulsión do caladoiro de 24 barcos galegos e 400 traballadores que até o de agora faenaban naquelas augas.

Ana Miranda afirma que malia o aumento da compensación económica da UE a Mauritania “o acordo nin vai beneficiar á flota galega, nin tampouco á flota artesanal mauritana nin á poboación do país africano”.

Así, lembra que “até o de agora, e malia figurar nos acordos pesqueiros, o goberno mauritano non fomentou o desenvolvemento da pesca artesanal, a creación de infraestrucuras e o desenvolvemento do sector pesqueiro en beneficio da poboación local”.

Impacto negativo tamén para Galiza

Ademais, a eurodeputada do BNG denuncia que “o novo acordo pesqueiro vai expulsar do caladoiro, sen motivos fundados que o xustifiquen, a 24 barcos cefalopodeiros galegos e 400 traballadores”. Unha situación que, en comarcas como o Morrazo, “terá un impacto socioeconómico moi negativo, xa que estes mariñeiros son moi especializados e teñen dificultades de recolocación laboral noutro tipo de flota pesqueira”.

Por todo isto, Ana Miranda reclámalle á Unión Europea se ten previsto axudas económicas pola paralización temporal ou definitiva desta flota debido ao novo acordo pesqueiro e, en todo caso, pregunta polas alternativas que ofrece a Comisión europea para esta flota.

Se a flota non pide licenzas de pesca pódese anular o acordo?

Por outra parte, a representante do BNG no Parlamento Europeo tamén se interesa polos efectos que pode ter a falta de solicitudes de pesca por parte da flota pesqueira europea na vixencia do novo acordo de pesca entre a UE e Mauritania.

“Por exclusión da flota -advirte- ou por decisión propia de non continuar en augas mauritanas pódese producir a situación paradoxal de que haxa un nivel ínfimo de utilización das posibilidades de pesca e que non se cumpra a presenza mínima de flota europea para faenar en augas mauritanas en base ao recente acordo bilateral”.

De confirmarse isto, Ana Miranda pregúntalle á Comisión Europea se se podería denunciar o acordo e ser anulado e proceder á apertura de novas negociacións entre a Unión Europea e Mauritania.

O Goberno de Rajoy só convoca aos eurodeputados do PP a unha reunión co sector

Por último, a deputada do BNG no Parlamento Europeo denuncia que na reunión coordinada polo Ministerio de Pesca o pasado martes co sector pesqueiro para analizar a situación creada polo novo acordo “só houbera eurodeputados do PP, e non foran convocados eurodeputados doutras forzas políticas das zonas afectadas”.

“Isto constitúe unha utilización intolerable das institucións públicas, como é o Ministerio de Pesca, para uso partidista do Partido Popular”, lamenta Ana Miranda.