congreso

BNG demanda ao MITMA concretar a data para a posta en funcionamento dos trens AVRIL na Galiza

Néstor Rego

A posta en marcha deste servizo permitiría aumentar as frecuencias ferroviarias e mesmo unha política tarifaria máis barata e atractiva

“Xa basta de modificacións de datas de entrega, bailes nos prazos estabelecidos, atrasos e demoras. Hai que pasar das palabras e promesas aos feitos” sinala Rego

O BNG volve rexistrar iniciativas na cámara baixa co obxectivo de coñecer as previsións do Ministerio de Transportes para a posta en funcionamento dos trens AVRIL na Galiza, co que se poderían aumentar as frecuencias ferroviarias e desenvolver unha política tarifaria máis barata e atractiva. O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, demanda aclarar as declaracións da Ministra, realizadas en plena campaña electoral, e estabelecer un calendario para a entrega e a posta en funcionamento dos trens AVRIL e AVLO.

Após os continuos retrasos dos prometidos trens AVRIL para a Galiza, que deberían estar xa en funcionamento desde 2022, a organización nacionalista comeza esta lexislatura na cámara baixa volvendo a rexistrar iniciativas para coñecer o calendario que manexa o Ministerio de Transportes para a súa entrega e posta en funcionamento. “Xa basta de modificacións de datas de entrega, bailes nos prazos estabelecidos, atrasos e demoras. Hai que pasar das palabras e promesas aos feitos” sinala Rego.

De facto, o deputado do BNG sinala que en plena campaña electoral, en xullo, a Ministra de Transportes en funcións anunciou que os tren AVRIL se entregarían en novembro deste ano e que entrarían en funcionamento a comezos de 2024. Do mesmo xeito, facía público que tamén se implantarían frecuencias co trens da operadora de baixo custo de RENFE, os AVLO.

“A conexión prometida suporá, segundo a Ministra de Transportes, un incremento de catro frecuencias diarias por cada un dos sentidos entre Madrid e Ourense, mais non aclara se se articulará a posibilidade de continuar até Santiago, A Coruña ou Vigo tamén en AVLO, ou se será necesario o transbordo a un AVANT” apunta Néstor Rego.

Así mesmo, para a organización nacionalista, a posta en funcionamento dos AVRIL e a implantación destes servizos “debe traer consigo unha política tarifaria máis barata e atractiva para as usuarias”, así como unha planificación eficaz dos servizos. “Nun momento en que os servizos actuais, ademais de seren escasos, continúan a estar descontrolados con numerosos retrasos na Galiza, a operadora RENFE debe planificar mellor o servizo e estabelecer os traxectos polos que os trens AVRIL realizarán” sinala o deputado do BNG.