congreso

BNG demanda ao MITMA axilidade e concreción dos prazos para a execución da A-76

Néstor Rego
Néstor Rego salienta a “importancia da autovía Ponferrada-Ourense para o impulso económico e as comunicacións de Valdeorras”

O portavoz do BNG no Congreso, Néstor Rego, presentou varias preguntas dirixidas ao Ministerio de Transportes para coñecer os compromisos, situación e horizontes temporais para a construción da Autovía A-76 Ponferrada-Ourense, “unha vía especialmente importante para as comunicacións da comarca de Valdeorras e o seu enlace coa meseta” sobre todo atendendo á falta das melloras e obras na N-120.

Lembra Rego que a autovía leva anos de retrasos e “tempos en branco, sen que se teña producido un impulso firme que demostre un compromiso real para executar esta infraestrutura en tempo e forma”. Sinala que o proxecto está dividido en doce tramos, e os máis avanzados están na zona próxima a Ponferrada.

“Cal é a planificación para os tramos situados en Ourense?”

“Descoñecemos cal é a previsión en relación aos tramos situados en Ourense. Que tramos se van priorizar? Que planificación orzamentaria ten o Ministerio?”, son algunhas das cuestións que Rego formula ao Ministerio presidido por Raquel Sánchez.

O deputado do BNG salienta a “importancia da A-76 para o desenvolvemento e impulso socio-económico de Valdeorras. Unha comarca que precisa vías de maior capacidade que faciliten o transporte de mercadorías. É unha zona de actividade do sector da lousa”.

Néstor Rego demanda ao Ministerio información actualizada sobre a situación dos distintos tramos, nomeadamente no que atinxe á conexión Ponferrada-Requeixo que se someteu a información pública en abril deste ano cun orzamento aproximado de 126 millóns. As actuacións teñen por cometido a conversión en autovía do tramo da N-120 entre Vilamartín da Abadía e Requeixo, xa co nome de A-76.

Asemade, subliña que no 2018, adxudicárase a redacción do proxecto do tramo Requeixo-A Veiga de Cascallá (Rubiá), mais non houbo máis información ao respecto. O tramo entre A Veiga de Cascallá até o enlace este do Barco tiña un proxecto de construción acabado, mais sucede o mesmo. “Carecemos de información concreta sobre o seu estado após do anuncio do Ministerio en 2020 indicando que se estaba a abordar unha modificación para incluír un enlace”, apunta Rego.

Entre as cuestións formuladas, o parlamentar do BNG quer saber en que zonas non é posíbel seguir o trazado da actual N-120 e solicita que se expliquen as solucións. Insiste Rego na necesidade de axilizar esta autovía, necesaria para incentivar a actividade económica da comarca de Valdeorras.