BNG demanda ao Ministerio a apertura do Museo Arqueolóxico de Ourense
O portavoz do BNG no Congreso dos Deputados, Néstor Rego, formula varias preguntas ao Ministerio de Cultura para demandarlle a posta en funcionamento do Museo Arqueolóxico de Ourense aínda pendente de obras.
Rego quer saber cando se van rematar as actuacións de rehabilitación arqueolóxica e reclama poñer fin aos retrasos que teñen bloqueado a apertura do Museo ao público. “Non cre que é inaceptábel que o Museo permaneza pechado ao público? É consciente da importancia que ten para a cidade de Ourense poder dispoñer de todo o conxunto de edificios culturais totalmente operativos?”, inquire o deputado do BNG.
Dúas décadas agardando
Neste sentido, Rego lembra que “levamos vinte anos agardando á finalización do proxecto deseñado sobre o antigo Convento de San Francisco e que se compón do Museo Arqueolóxico, da Biblioteca do Estado e do Arquivo Histórico Provincial. Leva dúas décadas de tramitacións e de obras que se demoran”.
Fica pendente de apertura o Museo Arqueolóxico “cunhas obras que se ían acabar no 2022, mais agora fálase do 2024”. Considera o deputado do BNG que Ourense non pode permitirse continuar agardando a ter todo o conxunto completado e insta ao Ministerio de Cultura a comprometerse a abrilo canto antes para o desfrute da cidade e como motor de impulso do turismo.
Ourense merece desfrutar dos tres edificios de maneira integrada
Sinala que hai xusto un ano, nunha visita ao complexo cultural, o Ministro de Cultura pedía desculpas pola retraso acumulado nas obras do Museo. “A mellor desculpa é comprometerse con feitos e garantir a súa apertura en breve e que os turistas e os veciños e veciñas poidan contemplar uns fondos que ofrecen un percorrido polos distintos pobos e culturas que habitaron a zona nos distintos períodos históricos”, afirma Rego.
“Coidamos que non se poden xustificar máis demoras nun Museo pensado para exhibir importantes pezas históricas, arquitectónicas e culturais.