BNG demanda ao Goberno solucionar os reparos que impiden rematar a conexión do porto seco coa N-120

N-120

Rego solicita información sobre o estado actual do proxecto do que fica pendente a segunda fase, de apenas 1 quilómetro

Para o BNG é imprescindíbel completar os servizos que fagan desta unha infraestrutura útil, 20 anos despois de que fose anunciada en 2001, para dar un impulso socioeconómico á zona

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, vén de rexistrar iniciativas para que o Goberno do Estado de unha solución aos problemas que impiden rematar o proxecto de conexión entre o porto seco de Monforte de Lemos coa N-120. Quere coñecer a situación actual e se o executivo mantivo contacto coa Xunta para resolver a situación do paso a nivel, e se considera o seu desprazamento imprescindíbel e o grado de afectación sobre a pista de regadío que alegou a Confederación Hidrográfica Miño-Sil, así como se existe alternativa para a conexión.

O proxecto de conexión do porto seco coa estrada N-120 consta de dúas fases: a primeira, do porto seco até As Fontes, que está rematada; e a segunda que vai das Fontes até a N-120, que só está proxectada e aínda non concluíu. O motivo principal débese ás diferentes posicións das dúas administracións implicadas. O proxecto do porto seco de Monforte foi anunciado en 2011 e inaugurado en 2014, mais, a día de hoxe, vinte anos despois o resultado é desolador e constitúe un espazo ermo e sen ningunha empresa instalada, debido fundamentalmente á falta de servizos e conexións.

“Esta conexión é unha vía indispensábel para o funcionamento do Porto Seco, ademais de servir como circunvalación da cidade de Monforte de Lemos” explica o deputado do BNG. Rego salienta que, despois da inauguración, ficaron moitos problemas sen resolver como o saneamento- que se resolveu cunha depuradora en 2017- e mesmo a carencia dunha plataforma loxística. “A plataforma non se non se incluíu na obra da primeira fase, o que deixaba sen operatividade intermodal o Porto seco” lembra. ADIF anunciou que a plataforma do porto seco será ampliada para estender a lonxitude coa que contan as vías máis próximas á zona destinada a carga e descarga, “mais segue sendo unha promesa”.

Así mesmo, subliña o deputado nacionalista, segue pendente de execución o tramo de apenas un quilómetro de longo que completaría os accesos do porto seco coa  N-120. “Este último tramo foi paralizado polo propia ADIF que denegou a autorización para conectar esta plataforma loxística coa estrada” destaca. O Administrador de Infraestruturas Ferroviarias exixía entón a supresión dun paso a nivel sen barreiras situado a uns cen metros de distancia da infraestrutura viaria.

O Goberno do Estado tamén puxo o reparo sobre o cruzamento dunha pista de servizo do regadío  Val de Lemos, cuxa xestión depende da  CHMS, que tamén informou negativamente. “A Xunta pola súa banda afirma que a eliminación dun paso a nivel non é competencia da administración  galega e que a obra de conexión non afecta en absoluto nin ao camiño nin ao paso” informa Rego.

En definitiva, “o porto seco permanece  enquistado practicamente desde que se anunciou, hai máis de 20 anos” destaca o deputado nacionalista. O BNG considera imprescindíbel “completar os servizos que fagan desta unha infraestrutura útil e dar un impulso decidido á liña Monforte-Ponferrada para integrala no Corredor Noroeste-Corredor Atlántico de Mercadorías”. Para iso é necesario pór vontade política e solucionar os conflitos entre ambas as administracións que permitan completar a conexión entre o Porto Seco e a  N-120.