BNG demanda ao Goberno do Estado que se comprometa na redución da contaminación luminosa

Néstor Rego

Néstor Rego destaca a necesidade de retirar do Real Decreto proposto a obriga de iluminar todas as rotondas e a prohibición de apagado da iluminación, ademais de que se inclúan no texto límites máximos de emisión e non mínimos para, verdadeiramente, reducir o gasto e a contaminación.Ademais deben corrixirse as previsións que supoñen invasión das competencias da Galiza e das administracións locais. 

O deputado do BNG, Néstor Rego, rexistra iniciativas no Congreso para que o Goberno do Estado modifique o Proxecto de Real Decreto que aproba o Regulamento de aforro e eficiencia enerxética e redución da contaminación luminosa. A formación nacionalista reclama que se recollan as recomendacións recollidas dentro da Estratexia de Biodiversidade 2030 da Comisión Europea e o Plan Zero Pollution para conseguir unha protección efectiva da saúde pública. Así mesmo, urxe a retirada das propostas do Proxecto de Real Decreto relativas a obrigatoriedade do alumeado nas glorietas e rotondas e a prohibición total do apagado da iluminación para que as administracións decidan a opción de iluminación e reducir a contaminación e o gasto enerxético.

“O proxecto de Real Decreto ignora completamente as recomendacións recollidas en materia de contaminación luminosa dentro da Estratexia de Biodiversidade 2030 da Comisión Europea e o Plan Zero Pollution” explica o deputado do BNG “O Real Decreto na súa redacción actual permitiría aumentar as zonas iluminadas, sen servir para reducir o gasto nin a contaminación, favorecendo en exclusiva os intereses da industria e das empresas de luminarias en lugar preservación da saúde e do medio ambiente”. Así mesmo, o proxecto fai caso omiso das recomendacións que propón a comunidade científica tras décadas de rigorosa investigación. “É precisa unha revisión completa para conseguir unha efectiva protección da saúde pública e do patrimonio natural e cultural, así como respectar as competencias na materia que posúen as diferentes administracións” reivindica Rego.

A formación nacionalista demanda modificar o proxecto de aforro e eficiencia enerxética e redución deste tipo de contaminación co obxectivo de que se atendan todas as deficiencias. Como mínimo, o BNG quere fixar valores máximos de emisións e reducir os valores de emisión da luz que “aparecen sobredimensionados no proxecto actual”. Neste sentido tamén reclaman prever a aplicación do regulamento a calquera instalación que emita luz, incluídas aquelas privadas e as que xeran contaminación luminosa a pesar de non cumprir a función de iluminar como as pantallas ou os dispositivos publicitarios.

“É preciso introducir límites globais máximos das emisións ou, por equivalencia con outros axentes contaminantes, valores máximos de concentración por unidade de volume, e estabelecer estratexias que dean resposta en caso de superar eses límites para conseguir que os valores correspondentes volvan aos niveis desexados” enfatiza Néstor Rego.

Por outra banda, o deputado nacionalista incide na idea de “retirar do Proxecto de Real Decreto todas as propostas relativas á obrigatoriedade de alumeado nas rotondas e glorietas, así como a prohibición total do apagado da iluminación”. Isto permitiría que fosen as administracións competentes en cada caso as que decidan a opción de iluminación que pode ser inferior á fixada e incluso prever o apagado de zonas sen uso ou actividade nocturna. “Adaptar a iluminación ás necesidades reais dentro dos límites máximos que se estabelezan no regulamento, pode contribuír a unha redución notábel da contaminación e o gasto enerxético” conclúe.