BNG demanda ao Goberno do Estado garantir os dereitos lingüísticos
A organización nacionalista denuncia a vulneración do dereito a ser atendido en galego nun centro de saúde da sanidade pública de Galiza e que rematou cunha proposta de sanción para a persoa que fixo a solicitude.
Rego reclama aos partidos do Goberno que cumpran co seu compromiso de derrogar a Lei Mordaza que favorece a imposición de sancións inxustas só coa palabra dos axentes sen permitir contradición co resto das testemuñas
O deputado do BNG, Néstor Rego, quere coñecer a posición do Goberno do Estado sobre as sancións impostas a un usuario por solicitar o cumprimento e respecto do dereito a ser atendido en galego. Rexistra iniciativas para que o executivo explique se considera xustificado a resolución pola que se impón unha sanción a un cidadán que reclamaba atención en galego pola Delegación do Goberno baseándose unicamente na declaración dos axentes da autoridade, mesmo existindo probas e testemuñas contraditorias con esta. Un feito produto da vixencia da coñecida como Lei Mordaza e que os partidos do Goberno se comprometeron a derrogar mais que aínda segue vixente. Unha vez máis, o BNG demanda a súa derrogación para rematar con estes abusos.
O pasado 19 de abril de 2021, a un cidadán de Rianxo que acudía ao seu Centro de Saúde para realizar unha PCR de detección da COVID-19 solicitou ser atendido en galego, mais foille negada esta posibilidade a pesar de estar no seu dereito. Mentres reclamaba na recepción o cumprimento da legalidade, a Policía Local presentouse no lugar e consideraron que a lexítima demanda deste cidadán constituía “unha alteración da orde pública que merecía o inicio dun proceso sancionador” ao amparo da Lei Mordaza. Os axentes denunciantes sinalaron que, a reclamación de ser atendido en galego, supuxo un atraso na atención administrativa e sanitaria e que esa actitude debía ser sancionada.
“Que unha persoa solicite o cumprimento da lexislación vixente nun centro público como un Centro de Saúde e que protesta pola negación dos seus dereitos lingüísticos, non pode ser motivo xustificado para impor unha sanción de 601 euros” subliña o deputado do BNG. Finalmente, a sanción foi confirmada pola Delegación do Goberno, que considera acreditada a responsabilidade do denunciado. “Custa asimilar que a defensa activa dos dereitos lingüísticos que posuímos todos os galegos e galegas poida supoñer unha multa de varios centos de euros, sanción que foi adoptada, ademais, baseándose exclusivamente na presunción de veracidade outorgada á declaración dos axentes de Policía, tal e como permite a chamada Lei Mordaza” subliña Rego.
A Delegación do Goberno, no momento de ditar a resolución desprezou a validez dos testemuños do resto de persoas presentes e que descargaban de responsabilidade o denunciado, dando máis credibilidade á versión policial. “Unha vulneración de dereitos amparada por unha lei que facilita os abusos policiais e cuxa derrogación foi un compromiso público e reiterado por parte do Goberno sen que a día de hoxe cumprise” afirma o deputado do BNG, “porén, é urxente a súa derrogación para evitar que se sigan cometendo atropelos como este e impondo sancións sen xustificación e totalmente desproporcionadas” reclama Rego.