BNG defenderá uns orzamentos expansivos e critica que en plena crise Feixóo propoña unhas contas con menos teito de gasto
O Goberno do PP someterá a debate do Parlamento o próximo martes o teito de gasto para as contas públicas de 2022, que fixa en 11.571 millóns de euros, o que significa 93 M€ menos que a contía aprobada na Cámara para o presente exercicio orzamentario, -11.664 millóns de euros-, e iso en plena crise económica e sanitaria.
Pero empeñado “en que a realidade non lle estrague un titular propagandístico”, ironizou a viceportavoz parlamentaria, Olalla Rodil, tras a Xunta de Portavoces, o Executivo de Feixóo compara o teito de gasto de 2022 cos orzamentos finalmente aprobados en 2021 e, aínda así, o resultado é de 8 millóns de euros adicionais, cifra que, se finalmente pasa a ser definitiva, “non chegaría nin para pagar ao persoal docente de relixión de secundaria”.
A formación que lidera Ana Pontón considera que, cando hai que sacar a Galiza dunha crise sen precedentes en tempos de paz, o que se precisan son orzamentos expansivos e así o defenderá no pleno do próximo martes. “Ademais da crise, estamos nun proceso de transformación en moitos ámbitos que requiren unhas contas públicas ambiciosas e que estean á altura dos retos que ten por diante este País”, subliñou Rodil.
Indica, ademais, que a previsión orzamentaria do Goberno do PP sería aínda moito menor senón recibise ingresos extra, como os 211 millóns de euros correspondentes ao IVE de 2017, ou a parte que se recibe dos fondos europeos de recuperación, para os que o Bloque pide a xestión directa desde Galiza. En todo caso, un teito de gasto “que non se corresponde coas necesidades do momento e que o BNG reclamará mellorar no debate parlamentario”, concluíu.