O BNG defenderá en pleno unha proposición de lei con medidas para frear o drama dos desafiuzamentos
A iniciativa inclúe unha proposta para que os activos do banco malo servan para impulsar vivenda pública de carácter social
O voceiro de Vivenda do grupo nacionalista, Cosme Pombo, lembrou que se está a vivir unha situación moi dramática, con dados como o de máis de 8.000 familias en Galiza desafiuzadas no último ano e máis de 315.000 no Estado, que conducen a situacións extremas, como a do suicido, como se puido comprobar cun novo caso estes días.
Traballo no Congreso
Pola súa parte, o portavoz do G.P do BNG, Francisco Jorquera, explicou que esta iniciativa é a continuación do traballo iniciado polos deputados nacionalistas no Congreso xa en 2011, cando foron os primeiros en tentar modificar a actual lexislación hipotecaria, conscientes do drama social que se estaba a producir e que ía ir a máis.
Jorquera salientou que o debate que se vai dar no Parlamento galego vai coincidir co debate dunha ILP no Congreso avalada por case un millón e medio de cidadáns, iniciativa que o BNG tamén vai apoiar mais de seguro que non vai contar co mesmo respaldo por parte do Partido Popular.
O voceiro parlamentar ironizou co feito de que o PP seguro que si vai votar a favor doutra ILP que tamén se debatirá mañá en Madrid, a favor da declaración das touradas como de interese cultural, esas son as prioridades do PP, dixo.
Rebaixa do orzamento
Neste sentido, lamentou tamén que en plena tramitación dos orzamentos para 2013 se produza un recorte do 45 por cento as partidas destinadas a política de vivenda.
Para o deputado nacionalista, o parlamento galego non pode inhibirse neste asunto apelando a que non ten competencias e debe tomar en consideración a proposta do BNG, porque en Galiza xa está tendo grande impacto o problema dos desafiuzamentos.