O BNG defenderá nos concellos que se manteña o poder adquisitivo dos empregados públicos

O BNG presentará nos concellos galegos unha moción para que se manteña o poder adquisitivo dos empregados públicos e se vexan compensados da eliminación da paga extra de Nadal que impuxo o goberno do PP recentemente.

Para o BNG considera que a decisión do goberno do PP é inxusta socialmente e contraproducente para saír da crise, ao contraer aínda máis o consumo. Ademais, advirte de que os recortes salariais do sector público sempre son o preludio de recortes para os traballadores e traballadoras do sector privado.

A supresión da paga de Nadal agravará a crise nas economías locais

O BNG tamén critica que no ámbito local a supresión da paga de Nadal para os empregados públicos agravará aínda máis a crise, ao reducir o seu poder de compra, o que repercutirá moi negativamente nas pequenas e medianas empresas, no pequeno comercio, e no tecido económico en xeral de cada concello.

Ante esta situación, o BNG pedirá en cada concello que a corporación municipal adopte o seguinte acordo:

1. Manifestar o rexeitamento da Corporación municipal ás medidas reguladas polo Real Decreto-Lei 20/2012, do 13 de xullo.

2. Rexeitar a decisión de impor ás empregadas e aos empregados públicos, particularmente os vinculados aos concellos, novas perdas de poder adquisitivo, que terán un efecto indirecto sobre o consumo no concello e no tecido económico local.

3. Compensar a perda do poder adquisitivo das empregadas e dos empregados públicos municipais, instando á Alcaldía a que adopte as medidas necesarias para atinxir ese obxectivo.

Os concellos gobernados polo BNG compensarán aos traballadores públicos pola perda da paga de Nadal

Respecto a este último punto, lembrar que o BNG adoptou o pasado día 31 a decisión de aboar a paga extra aos empregados públicos alí onde dependa do BNG.

Deste xeito, os concellos gobernados polo BNG si aboarán a paga extra aos empregados públicos.