O BNG defenderá no Parlamento a lei de identidade de xénero rexistrada polo colectivo LGBTI
- A deputada, Olalla Rodil confía que a Cámara galega recoñeza a diversidade das identidades de xénero e se opoña aos discursos de odio e discriminación
A deputada do BNG, Olalla Rodil Rodil lembrou que na actualidade a diversidade das identidades de xénero non está recoñecida legalmente e considerou que o Parlamento galego debe ser sensible a esta realidade polo que defenderá a lei de identidade de xénero rexistrada hoxe no Parlamento galego polo colectivo LGBTI.
Para a deputada, resulta un paradoxo “blindar a non discriminación das persoas trans e non lexislar o seu recoñecemento”. Tralo rexistro da lei, a nacionalista indicou que hoxe estamos a dar “un primeiro paso para avanzar cara unha Galiza máis solidaria, equitativa e xusta”, unha Galiza que se opón frontalmente aos discursos de odio e discriminación.
A parlamentaria recalcou que esta lei representa un chanzo para outorgar dereitos á diversidade das identidades de xénero e o BNG “estará aí para defendelos” a través desta proposición de lei que agora iniciará o trámite parlamentario para a súa aprobación.