BNG defenderá a modificación da Lei para salvagardar as cooperativas con sección de crédito
A frente nacionalista procurará o apoio da cámara baixa para eliminar a equiparación con entidades bancarias, cuestión que dificulta o funcionamento democrático dos órganos de goberno das cooperativas, así como a súa viabilidade.
Néstor Rego entende que realizan unha “actividade de autocrédito” posto que este tipo de cooperativas “actúan ao mesmo tempo de prestatario e prestamista” e non intervén no mercado cunha finalidade empresarial nin investidora.
BNG defende apostar en modelos crediticios alternativos á grande banca e destaca o papel do cooperativismo como motor de desenvolvemento económico.
O Bloque Nacionalista Galego defenderá, o vindeiro martes 27 de setembro, unha modificación na regulación dos contratos de crédito inmobiliario para que as cooperativas con sección de crédito, que non teñen por obxecto social a prestación profesional de servizos financeiros, estean exentas das exixencias propias dos grandes bancos nos préstamos hipotecarios que conceden aos seus propios socios. Con esta iniciativa, a organización nacionalista defende un modelo crediticio alternativo, á marxe da grande banca, que favoreza o desenvolvemento económico local baixo unha concepción social.
O ámbito de aplicación da Lei Reguladora dos Contratos de Crédito Inmobiliario aprobada en 2019 esténdese aos contratos de préstamos concedidos por persoas físicas ou xurídicas de maneira profesional. A normativa, polo tanto, obriga as entidades bancarias e financeiras, así como as cooperativas de crédito -por dedicarse de “maneira profesional” a conceder créditos ou préstamos- ao seu cumprimento.
Non obstante, a organización nacionalista entende que nesta normativa “non debería equipararse as cooperativas de crédito coas chamadas cooperativas con sección de crédito, xa que o obxecto social das mesmas difire”. Cabe destacar que as cooperativas diferentes ás de sección de crédito non poden prestar servizos financeiros por mandato legal, a súa actividade, tanto no mercado como nas relacións con terceiros “nunca pode consistir en prestar servizos de natureza financeira e, menos, créditos con garantía hipotecaria”. De producirse este último caso, a cooperativa debería de constituírse como unha de crédito.
“Tanto polas súas características intrínsecas como sociais, as cooperativas con sección de crédito deberían quedar excluídas na aplicación desta normativa, xa que non intervén no mercado cunha finalidade empresarial nin investidora” defende o deputado do BNG. Néstor Rego entende que realizan unha “actividade de autocrédito” posto que a cooperativa, neste caso, “actúa ao mesmo tempo de prestatario e prestamista”.
De non aprobarse esta modificación da lei, proposta polo BNG, que o vindeiro martes, 27 de setembro, será tomada en consideración, as cooperativas con sección de crédito continuarán a ter problemas de funcionamento e viabilidade porque, na práctica, estáselles a exixir “que cumpran o contido da norma como se dun grande banco se tratara”.
Ademais, cabe destacar que este tratamento indiferenciado implica unha vulneración ou incumprimento da normativa que estabelece a composición e funcionamento democrático dos órganos de goberno das cooperativas, pois “está a homologarse os consellos de administración das sociedades financeiras cos consellos reitores das cooperativas, impoñéndolles uns determinados requisitos de formación e coñecementos técnicos que restrinxiría ou impediría a materialización do dereito de sufraxio pasivo das persoas socias das cooperativas”.
Impulsar o cooperativismo como modelo social
Néstor Rego destaca a necesidade de apostar por modelos como o cooperativismo como motor económico que, a día de hoxe, conta con referentes de éxito. “A vixencia do cooperativismo segue a demostrar que é posíbel facer as cousas doutra maneira, baixo unha visión social para o acceso ao financiamento e unha perspectiva comunitaria que abre a porta a construír un modelo bancario alternativo” afirma o deputado do BNG.