O BNG defenderá en Madrid investimentos para a mellora dos servizos ferroviarios na comarca de Ferrol
O candidato do BNG, Néstor Rego, denunciou a discriminación da comarca de Ferrolterra nas súas conexións ferroviarias e comprometeuse a demandar no Congreso investimentos para a modernización e o incremento de servizos. Rego lembrou que o BNG defenderá a transferencia dos infraestruturas de comunicación para unha xestión máis eficaz e que responda ás demandas e necesidades da poboación galega.
Na estación de tren de Ferrol, Néstor Rego acompañado de cargos e militantes do BNG, avogou por "poñer fin á discriminación que sofre a comarca nos transportes ferroviarios, que a illa a través das vías de tren co resto do territorio, coa Coruña e Ferrol especialmente, mais tamén pola precariedade da liña do norte de Feve con conexións que non están á altura dos nosos tempos".
O candidato do BNG sinalou que o BNG defende a transferencia das infraestruturas de comunicación e esa será unha das propostas que levará ao Congreso como imprescindíbel para a súa mellora e, de maneira especial, do sistema ferroviario que é, segundo dixo, un servizo público básico, sustentábel economicamente e elemento de cohesión e vertebración social ademais de factor de dinamización e equilibrio demográfico. "Temos o convencemento de que as conexións ferroviarias son o medio de transporte do futuro, o máis sustentábel, e por iso exiximos investimentos para poñer fin á precariedade que viven comarcas como da de Ferrol", afirmou Néstor Rego que defendeu unha aposta polas modernización das liñas e os servizos.
"Demandaremos a transferencia das infraestruturas ferroviarias ao noso país para poñer en marcha unha empresa pública galega que active conexións de proximidade eficaces, modernice os trazados e vertebre Ferrol co resto de Galiza para o que se precisa investimentos urxentes", afirmou o candidato do BNG ao Congreso.
O BNG, a través do seu candidato na provincia da Coruña, lembrou que a día de hoxe, coa situación das infraestruturas e o número de frecuencias, non é viábel manter a medio e longo prazo o ferrocarril no itinerario Ferrol-A Coruña por resultar obsoleto e ineficiente, xa que os tempos de viaxe son excesivos para atender e cubrir as necesidades de transporte en todo o itinerario. "O Goberno central mantén a liña Ferrol-A Coruña como unha reliquia antiga que non presta servizos nas mínimas condicións requeridas, nin en velocidade nin en frecuencias", sinalou ao tempo que denunciou a "marxinación" dunha liña coa que se incumpriron os acordos e prazos tomados para a súa modernización.
"Cun tren en condicións e unha aposta pola modernización de FEVE garantiríase a comunicación dun área de 600.000 habitantes e a conexión eficaz entre as cidades de Ferrol e A Coruña", argumentou nunha intervención na que anunciou que o BNG se comprometerá no Congreso a demandar os investimentos necesarios para a creación dunha compañía pública ferroviaria galega que mellore as prestacións e permita acometer as infraestruturas e desenvolver os servizos de transporte ferroviario que contribúan á vertebración económica, social e territorial do país.