Senado

BNG defenderá o impulso dun plan de saneamento integral das Rías Galegas e a rexeneración dos bancos marisqueiros

Carme da Silva

Carme da Silva demandará o apoio do Senado para que o Goberno do Estado adopte as medidas socioeconómicas necesarias até a recuperación plena da actividade

Exención das cotas da Seguridade Social das e dos mariscadores e estabelecemento de axudas directas para o sector afectado: medidas que propón a senadora do BNG

A iniciativa debaterase e votarase o vindeiro mércores, 22 de maio, na Comisión de Pesca da cámara alta

A senadora do BNG, Carme da Silva, defenderá o vindeiro mércores, 22 de maio, na cámara alta unha moción instando o Goberno a iniciar un plan de saneamento integral das Rías Galegas e para a recuperación da produtividade das rías galegas. Así mesmo, da Silva chamará o resto de forzas políticas a apoiar que o Goberno adopte as medidas socioeconómicas necesarias até a recuperación plena da actividade, tales como a exención das cotas da Seguridade Social dos e das mariscadoras ou o estabelecemento de axudas directas aos distintos elos da cadea afectados.

Nun contexto de crise ante as importantes perdas económicas dos traballadores e traballadoras do mar afectadas polas intensas choivas deste outono-inverno, a organización nacionalista solicitará o apoio das forzas políticas con representación na Comisión de Pesca no Senado para instar o Goberno a levar a cabo as actuacións necesarias que permitan paliar esta situación.

No mes de outubro do pasado ano comezaron unha sucesión de temporais e de abundantísimas precipitacións que continuaron durante todo o outono, o inverno e que persistiron até hai pouco tempo. O impacto nos bancos marisqueiros das rías galegas foi brutal e, sumado ao decrecemento produtivo continuado desde hai máis dunha década, provocou mortaldades masivas de marisco, o fechamento de innumerábeis bancos, a perda da campaña de nadal, que supuxo a inactividade e privación de ingresos para milleiros de persoas e mesmo ERTEs nun importante número de confrarías.

“Unha situación extrema que, máis que nunca, precisa de amparo e cobertura por parte da administración competente e dunha actuación áxil e eficaz” subliña a senadora do BNG. Neste sentido, e ante a pasividade da Xunta de Galiza para asumir as súas competencias, a frente nacionalista traslada as demandas do sector marisqueiro que entran directamente no ámbito das competencias do Estado. “En moitos casos sería preciso unha colaboración e coordinación entre a Xunta e os Ministerios competentes” apunta a senadora.

A moción do BNG para o debate e votación na Comisión de Pesca insta o Goberno do Estado a iniciar un plan de saneamento integral das Rías galegas e de rexeneración dos bancos marisqueiros. Ademais, Carme da Silva defende que o executivo adopte medidas socioeconómicas “até a recuperación plena da actividade como a exención das cotas da Seguridade Social dos mariscadores e mariscadoras ou o estabelecemento de axudas directas aos distintos elos da cadea afectados: mariscadores, confrarías, depuradoras, cocedeiros e industria de transformación así como ás comercializadoras...”.

A pasividade da Xunta de Galiza e o electoralismo da Consellería do Mar

A pesar da situación de crise do sector, a Consellería do Mar só aceptou as propostas que viña formulando o BNG durante este meses a finais de decembro, cando as zonas máis afectadas levaban xa case tres meses abandonadas á súa sorte.

Non foi até febreiro, en plena campaña electoral, cando a Consellería efectuou un pago de 550 € a parte dos mariscadores e mariscadoras afectadas. Foi o único apoio que recibiron da Xunta de Galiza desde outubro, e só nalgúns casos, cando a día de hoxe aínda as praias están arrasadas, seguen sen actividade miles de persoas e tamén sen expectativas de retomala a curto prazo para poder comezar a recuperar as rendas do seu traballo.

A estas alturas, o sector xa nada espera da Consellería que ten as competencias exclusivas en marisqueo. “Mais continúa sendo imperioso que se actúe para que o abandono da actividade non creza aínda máis e, sobre todo, para a recuperación e potenciación dos bancos marisqueiros” afirma da Silva.