BNG defenderá no Congreso deixar de fomentar os espectáculos taurinos
“É hora de rematar coa institucionalización da exhibición e a exaltación da violencia cara aos animais. Os poderes públicos non poden continuar enxalzando estes supostos espectáculos” reclama Rego
A frente nacionalista rexistra para o seu debate na Comisión de Cultura e Deporte unha iniciativa para eliminar calquera medida de fomento, protección ou valorización dos espectáculos taurinos por parte dos poderes públicos e lamenta que na Lei de Protección animal non fosen prohibidas as touradas
A próxima terza feira, 14 de marzo, o Bloque Nacionalista Galego defenderá unha iniciativa no Congreso para que a administración do Estado deixe do fomentar, protexer e valorizar os espectáculos taurinos. O deputado do BNG, Néstor Rego, reclama derrogar a Lei para a regulación da Tauromaquia como patrimonio cultural, así como suprimir o Premio Nacional e calquera medida que supoña subvencións, investimentos, beneficios fiscais ou calquera outra forma de financiamento público. Aliás, rego lamenta que PSOE e Podemos excluísen as touradas da Lei de Protección Animal.
A Lei 18/2013, do 12 de novembro, para a regulación da tauromaquia como patrimonio cultural, recoñece no seu preámbulo que a tauromaquia está supeditada ás mudanzas sociais que se veñen experimentando neste ámbito. Neste sentido, a formación nacionalista entende que, a día de hoxe, a “exhibición e exaltación da violencia cos animais a través da promoción pública é contraria á crecente sensibilidade social pola protección do medio ambiente e os animais”.
“A recente Lei de Benestar animal, tal e como lembrei na tribuna do hemiciclo, foi unha oportunidade perdida para prohibir as touradas -tal e como defendíamos nunha emenda presentada e PSOE e UP votaron en contra-, a máxima expresión do maltrato animal” lembra Néstor Rego. Para o deputado nacionalista, os espectáculos taurinos seguen a ser unha excepción no marco da lexislación de protección dos animais en canto ao seu sufrimento e morte, polo que “non é pertinente estender dita excepcionalidade á xeneralidade a través da declaración legal das touradas como patrimonio cultural”.
“O BNG ten clara a súa posición sobre as corridas de touros: non son cultura, son tortura. Por iso defenderemos esta iniciativa no Congreso para derrogar a lei que regula a tauromaquia como patrimonio cultural e suprimir todas as medidas de fomento, protección ou valorización dos espectáculos taurinos por parte dos poderes públicos” sinala o deputado do BNG na cámara baixa.
Alén do máis, dentro da iniciativa presentada, reclama a supresión do Premio Nacional de Tauromaquia e as Medallas de Belas Artes para os espectáculos taurinos. “Queremos eliminar calquera medida que supoña subvencións, investimentos, beneficios fiscais ou calquera outra forma de financiamento público, directa ou indirecta, por parte dos poderes públicos do Estado” engade.
A mesma limitación aplicarase ás actividades de crianza e selección do touro de lidia, formación de profesionais taurinos, e construción, rehabilitación, montaxe e mantemento de prazas de touros e instalacións, permanentes ou non, destinadas á realización destes espectáculos.
“É hora de rematar coa institucionalización da exhibición e a exaltación da violencia cos animais a través da promoción pública. Os poderes públicos non poden continuar enxalzando estes supostos espectáculos onde se causan maos tratos aos animais até a súa morte” conclúe Rego.